Jesús Vázquez asume que perderá a alcaldía de Ourense en favor do PSdeG

Jesús Vázquez asume que perderá a alcaldía de Ourense en favor do PSdeG
O alcalde en funcións de Ourense, Jesús Vázquez (PP). Foto: cedida.
O alcalde en funcións de Ourense, Jesús Vázquez (PP). Foto: cedida.  

O aínda alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, até este domingo único mandatario urbano do PP, vén de descartar pacto ningún con Democracia Ourensá e asume que será o PSdeG quen goberne a cidade os vindeiros catro anos. A dereita perde así a única das sete urbes en que mandaba.


“Non o vexo posíbel”, afirmaba Vázquez en relación a un entendemento coa Democracia Ourensá (DO), unha estraña formación local dereitista que, malia baixar un edil, mantén sete na corporación municipal. “Jácome non vai apoiar ao PP”, dixo Vázquez, quen lembrou “o ocorrido ao longo dos últimos catro anos” e a oposición de DO ao seu Executivo.

Así o escenario, o candidato socialista Rafael Rodríguez Villarino é o que máis posibilidades ten de sentar na cadeira de brazos do Concello de Ourense. Segundo o alcalde en funcións do PP, ao do PSdeG mesmo lle “saen as contas” para gobernar en minoría. O PSOE conseguiu 9 concelleiros, o PP 7 -baixou 3-, DO 7 e Ciudadanos e BNG, dous.

Este primeiro desaxuste entre PP e Democracia Ourensá pode ter máis implicacións. A principal, relativa á Deputación de Ourense, en que Manuel Baltar (PP) precisa dos deputados provinciais de Jácome e de Ciudadanos para conservar a presidencia do ente provincial.