A Lei da Seca obvia o cambio climático e “afoga” os concellos

A Lei da Seca obvia o cambio climático e “afoga” os concellos
Un dos encoros da Galiza [Imaxe: Wikipedia]
Un dos encoros da Galiza [Imaxe: Wikipedia]  
O 3 de decembro o pleno do Parlamento aprobará, presumibelmente, a Lei de garantía do abastecemento en períodos de seca. Nela concédeselle aos Concellos un período de tres anos para diminuír as fugas de auga. A norma foi duramente criticada pola oposición, que denuncia que ignora a Directiva Marco da Auga e acusa a Xunta de renunciar a incluír a protección dos recursos hídricos como medida preventiva.

O pleno do Parlamento aprobará o 3 de novembro a Lei de garantía do abastecemento nos episodios de seca e nas situacións de risco sanitario, unha norma que seguiu o seu curso cos votos favorábeis do PP e a abstención de PSdeG, que a cualificou a norma de "mellorábel", pero "necesaria".

Esa necesidade é compartida polos grupos da oposición que, non obstante, consideran inadmisíbel unha lei "contraria" á Directiva Marco da Auga da Unión Europea. Os deputados Grupo Común de Esquerda, Marcos Cal, BNG, Luís Bará, e Grupo Mixto, Davide Rodríguez, sinalan a Sermos Galiza que o Goberno galego obvia a protección dos recursos hídricos galegos. "Non fan políticas de prevención nin de conservación dos ríos, mananciais ou acuíferos, como di a directiva", di Bará. "A seca é unha problemática crónica, non puntual, e o Goberno actúa de xeito negacionista ao non ligala á emerxencia climática", di Cal. "Permítese unha redución dos caudais ecolóxicos en períodos de seca, mais no caso nas centrais hidroeléctricas prevese unha ‘ordenación’ para que sigan funcionando”, abunda Rodríguez.

Concellos «afogados»

Para Luís Bará a proposta da Xunta de Galiza chega tarde e evidencia o seu fracaso en políticas hídricas. «En 2013 asinouse o Pacto Local da Auga, que non chegou a bo porto, e a Xunta non desenvolveu aínda o Plan Xeral de Abastecemento», expón. Durante un debate parlamentar, o deputado do PSdeG Luís Álvarez lembrou que Augas de Galiza deixou sen executar 111 millóns nos pasados tres anos, que poderían ter sido empregados para a súa implementación.

Os tres deputados coinciden en que a lei descarga a responsabilidade de control de perdas e do abastecemento nas administracións locais. "Os Concellos, xa de por si afogados e sen recursos humanos nin técnicos suficientes, teñen que asumir uns prazos imposíbeis (dous anos) para analizar o nivel de perdas que despois deben controlar. Ademais estabelécese un réxime sancionador extremo", denuncia Davide Rodríguez. A lei, para Cal, abunda nun modelo que empurra as executivas locais a un modelo de xestión en mans privadas. "Ese que empeorou o servizo e o nivel de perdas da rede", conclúe.