A lei de medio ambiente que o desprotexe

A lei de medio ambiente que o desprotexe

A Lei de Patrimonio Natural impulsada pola Xunta entrou recentemente en tramitación parlamentaria. O Goberno fala de “protección”, mais ecoloxistas e forzas da oposición denuncian que a súa redacción actual coloca o urbanismo por riba da conservación da natureza. Eis un extracto da información publicada no semanario en papel Sermos Galiza número 354.


m4_duplaPoliticaOs principios xerais do proxecto de Lei do Patrimonio Natural conforman o seu artigo segundo. O apartado f) dos mesmos é claro, directo, e asegura “a prevalencia da protección ambiental sobre a ordenación territorial e urbanística”. Esta afirmación, común á maior parte da lexislación ambiental europea, cadra coa mensaxe que o Goberno galego intentou transmitir o día en que a conselleira defendeu o texto no Parlamento de Galiza. Mais difire das alertas que, ao respecto, emiten organizacións ecoloxistas, e mais das valoracións das forzas da oposición. Tamén difire do que o propio documento di unhas páxinas máis adiante.

O artigo 50, dedicado aos efectos dos plans de ordenación de recursos naturais, recolle excepcións á mencionada prevalencia, agrupadas como “razóns imperiosas de interese público de primeira orde”. Estas deberán ser aprobadas polo Consello da Xunta tamén a proposición dos concellos. O movemento ambientalista percibe aquí unha porta aberta á discrecionalidade.

"Din que a lei garante a prevalencia”, sinala a Sermos Galiza Serafín González, da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), “pero non queda claro, porque estabelece salvedades en terreos adscritos a uns PXOM que na Galiza moitas veces non están adaptados á Lei do Solo”. González non só se refire ao plan de ordenación de recursos naturais, senón tamén a outras figuras de conservación do patrimonio natural como os plans reitores de uso e xestión ou os plans de conservación, “que poderán ser modificados a discreción polo Goberno galego e os concellos, atendendo a intereses alleos á conservación do patrimonio natural e pasando por riba das decisións do Parlamento galego”.

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, expuxo na Cámara que a lei “virá substituír e actualizar a Lei de Conservación da Natureza aprobada hai 18 anos”. Esta realidade é o único aspecto positivo que o actvista detecta na nova formulación: “Inclúe as normativas europeas e estatais dos últimos anos, pero non supón ningunha contribución á materia”. E contén importantes zonas escuras.

“As zonas húmidas están practicamente esquecidas. Apenas recolle o inventario existente pero sen máis”, critica. No último século e medio desapareceron, segundo os datos da SGHN, a metade dos humidais da Galiza. “A nova lei non estabelece a actualización do inventario nin medidas adicionais de protección”, denuncia o comunicado “Escuro futuro da natureza no Parlamento galego”, subscrito por oito entidades e asociacións de defensa da natureza.

O proxecto normativo, que na súa fase previa de elaboración –encargada pola consellaría a unha empresa privada– desbotou a maioría do case milleiro de alegacións presentadas desde a sociedade civil organizada, incorpora o estraño requisito dunha superficie mínima para a declaración de parques naturais (vid. despece). Non cita o Observatorio Galego da Biodiversidade, creado polo Decreto 260/2007, nin o seu papel consultivo.

[Podes ler a información íntegra no número 354 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]