Leiceaga apela o voto dos descontentos pola corrupción e os recortes do PP

Leiceaga apela o voto dos descontentos pola corrupción e os recortes do PP
Sánchez e Leiceaga en Vilagarcía (Foto: PSdeG)
Sánchez e Leiceaga en Vilagarcía (Foto: PSdeG)  

O aspirante socialista presentou o proxecto socialista como o único camiño “fiable, serio, sensato e capaz” fronte a herdanza deixada polo goberno de Feijóo.


O candidato do PSdeG á Xunta, Xoaquín Fernández Leiceaga, apelou este domingo a todo os votantes descontentos “pola historia de corrupción e las políticas" do PP, ao electorado “progresista” descontento con outras forzas políticas e a “toda a xente de bo corazón”, a que apoien a súa formación o próximo 25 de setembro. 

Leiceaga presentou o proxecto socialista como o único camiño “fiable, serio, sensato e capaz” fronte a herdanza deixada polo goberno de Feijóo, segundo declaracións recollidas por Europa Press, do mitin celebrado en Vilagarcía.

“Se votades en función dos vosos valores, o PP pode ganar as sondaxes, pero perderá nas urnas o próximo domingo”, sinalou o candidato socialista, que insistiu novamente na preocupación da candidatura popular e a non deixarse levar polas enquisas. 

O líder do PSOE, Pedro Sánchez, volveu a acompañar o candidato galego nun acto electoral, no que tamén estiveron presentes o cabeza de lista por Pontevedra, Abel Losada, e a presidenta da xestora do PSdeG, Pilar Cancela.

Sánchez reivindicou pola súa banda a historia da súa formación fronte a quen “esconde as siglas”, en referencia á campaña de Feijóo, e enumerou os logros dos gobernos socialistas. “Sentide as cores do PSOE!”, exclamou o secretario xeral. “Dicir Feijóo é dicir Rajoy”, manifestou Sánchez, que asegurou que Leiceaga non actuará “como un delegado de Rajoy” no país.