Leiceaga, designado senador polo Parlamento galego

Leiceaga, designado senador polo Parlamento galego
Xoaquín Fernández Leiceaga, no Parlamento galego. (Parlamento de Galicia)
Xoaquín Fernández Leiceaga, no Parlamento galego. (Parlamento de Galicia)  
O ex portavoz socialista na cámara galega, Xoaquín Fernández Leiceaga, foi designado esta terza feira como representante da Cámara Autonómica galega no Senado español. Xunto a el, tamén obtiveron o respaldo parlamentario as ex candidatas populares ás alcaldías de Vigo e Ourense, Elena Muñoz e Jesús Vázquez.

Leiceaga deixa o Parlamento galego despois dunha ampla traxectoria na cámara que mesmo mereceu o eloxio (con veleno para Gonzalo Caballero) de Alberto Núñez Feixoo na última sesión de control hai apenas unha semana. Xoaquín Fernández Leiceaga obtivo ademais o maior apoio nas votacións, con 59 sufraxios a favor da súa candidatura.

Pola súa banda, as ex concelleiras e candidatas derrotadas en maio en Vigo e Ourense, Elena Muñoz e Jesús Vázquez, repetirán nas Cortes logo de que o PP volvese presentalos, tal e como sucedeu tras as municipais. Muñoz e Vázquez recibiron 51 votos a favor no reconto. Non houbo votos en contra, mais si 10 abstencións.

Estas tres senadoras súmanse ás 16 que foron elixidas nas estatais do pasado 10-N polas catro circunscricións galegas. O PP recupera a maioría no país, xa que sumou 9 actas (Miguel Lorenzo, Juan Manuel Juncal Rodríguez, Verónica María Casal, Manuel Lorenzo, Miguel Ángel Viso, Carmen Leyte, Francisco José Fernández, Javier Guerra e Pilar Rojo) por 5 do PSOE (Antonio Vázquez, César Mogo, Juan Carlos Francisco Rivera, Modesto Pose e Margarita Adrio).