O PRAZO PARA PRESENTALAS VAI DESDE O 17 AO 22 DE AGOSTO

Leiceaga rexeita dar “ningunha novidade” sobre as listas do PSdeG

Leiceaga rexeita dar “ningunha novidade” sobre as listas do PSdeG
Leiceaga en rolda de prensa na sede do PSdeG Foto: Irene Pin
Leiceaga en rolda de prensa na sede do PSdeG Foto: Irene Pin  

O PSdeG ten cinco días para presentar as súas listas electorais, mentres continúa sen esclarecer a situación das súas candidaturas, aprobadas polos comités provinciais mais sen ratificación galega nin estatal.


No día no que se abre o prazo para a presentación das listas electorais ao Parlamento de Galiza, o Partido Socialista de Galiza continúa sen dar pistas acerca das persoas que presentarán, finalmente, como candidatas aos comicios. Xaquín Fernández Leiceaga afirmou que “non hai ningunha novidade sobre as listas”, as cales teñen de prazo até a segunda feira do 22 de agosto para seren presentadas.

Leiceaga: “Creo que non hai unha relación directa entre nada do que ocorra estes días e o resultado electoral”

Con isto, Leiceaga apraza falar do que será un anuncio controvertido, despois da diverxencia da militancia entre aqueles membros do partido que apoiaron ao actual candidato á Xunta de Galiza polo PSdeG, e os que se posicionaran no bando de Méndez Romeu. Polo de agora, foron aprobadas unhas primeiras listas electorais polos comités provinciais do PSdeG e continúan á espera de que sexa o comité galego o primeiro que as ratifique previamente á aprobación precisa desde Ferraz. A consideración da división interna non concorda coas previsións de Xaquín Leiceaga de cara ao 25 de setembro: “Creo que non hai unha relación directa entre nada do que ocorra estes días e o resultado electoral”, afirmou Leiceaga restando importancia á formación definitiva das listas.

O candidato socialista, porén, pon o foco en Alberto Núñez Feijóo e na súa xestión económica durante o seu mandado. Este aspecto é o máis criticado por Leiceaga, quen alude con asiduidade aos datos económicos negativos que deixa a xestión desta dobre lexislatura dos populares. No día de hoxe aludiu á débeda pública adquirida nos últimos anos na Galiza, afirmando que chega aos 4000 euros por cada galego e que foi “contraída na súa maior parte por Feijóo”.

A outra das grandes críticas que Leiceaga dirixe a Núñez Feijóo é a política demográfica, puntualizando no saldo migratorio que pasou a ser negativo e no descenso de 5000 nacementos por ano con respecto a 2008.



x