XORNADA DE AGE SOBRE ENERXÍA

Lidia Senra apela á necesidade de mudar o modelo enerxético por un máis xusto e sustentábel

Lidia Senra apela á necesidade de mudar o modelo enerxético por un máis xusto e sustentábel

A Estrada acolle este sábado unha xornada organizada polo GUE/NGL e AGE-Europa sobre o presente e o futuro enerxético do país no contexto europeo. Trátase tamén dunha xornada de denuncia das políticas neoliberais esquecen o impacto ambiental e social do actual modelo enerxético.


A europarlamentar de AGE, Lidia Senra, explica, en declaracións a Sermos Galiza, que o principal obxectivo da xornada que está a ter lugar este sábado na Estrada pasa por “abrir un debate sobre o presente e o futuro do modelo enerxético e da súa formulación no contexto europeo”. Salienta que é esta unha xornada “de formación e de información, que nos levará a elaborar propostas para presentar nas distintas Administracións”.

Lidia Senra explícanos a importancia da participación de “distintos colectivos que traballan no ámbito e que poden intercambiar puntos de vista e mesmo afrontar as loitas de maneira colaborativa”. No decurso da xornada, a deputada de AGE no Parlamento Europeo salientou a receptividade e a participación desta iniciativa que organiza a formación política, co Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), así como o “enriquecemento que achegaron as distintas palestras”.

Senra denuncia "o interese do neoliberalismo nas políticas que benefician as grandes empresas do sector enerxético, sen preocuparse nin do dispendio nin do seu impacto negativo"

Na súa intervención durante a presentación da actividade, a europarlamentar de AGE alertou de que un dos obxectivos do actual mandato do Parlamento Europeo é o Mercado Único da Enerxía, o que pon de manifesto “o interese do neoliberalismo en seguir avanzando cara a políticas que permitan beneficiar as grandes empresas do sector enerxético, sen preocuparse nin do dispendio nin do impacto negativo que o actual modelo enerxético ten no conxunto da cidadanía e no medio ambiente”.

As palestras

As palestras que tiveron lugar na mañá do sábado correron a cargo de Xoán Doldán, profesor de Economía Aplicada na Universidade de Santiago de Compostela (USC) e vicepresidente de Véspera de Nada, e Miguel Pardellas, investigador da USC e membro de Verdegaia. Doldán alertou de que é “urxente” cambiar o modelo enerxético, para o que se precisa unha transformación profunda das relacións sociais e económicas. Aliás, apostou por unha necesaria democratización no acceso á enerxía e por avanzar no autoabastecemento de familias, aldeas, comunidades de veciños e veciñas e explotacións agrarias.

Pola súa banda, Miguel Pardellas advertiu de que a pobreza enerxética se converteu “en algo que é unha emerxencia social. O modelo de consumo exponencial que temos segue ano tras ano a pesar da crise económica, estamos nunha carreira cara a non se sabe onde”. O ecoloxista considerou que a transición enerxética debe artellarse ao redor de varias claves centradas en que “o pequeno é fermoso, a comunidade debe ser a base, a participación como medio e como fin, a educación na resiliencia participada, a necesidade de relocalizar o cotián, reinventando a eficiencia tecnolóxica e contemplando as emocións”.

Na xornada da tarde están participando o encargado de monitorización das políticas de Seguridade Enerxética da UE no Observatori del Deute en la Globalització, Alfons Pérez; as doutoras en Economía Rosa Regueiro e Natalia Fabra; os e membros de Goiener, Som Energía e Nosa Enerxía, as tres cooperativas enerxéticas alternativas que hai a día de hoxe no Estado español.

Ao debate, amais de Lidia Senra, asisten a portavoz de En Marea, Alexandra Fernández, os deputados de AGE no Parlamento galego Antón Sánchez e Juan Manuel Fajardo e mais a portavoz do Movemento Veciñal Estradense, Mar Blanco.