PENSIÓNS PÚBLICAS

Lidia Senra comprométese a defender pensións dignas a través dos orzamentos públicos

Lidia Senra comprométese a defender pensións dignas a través dos orzamentos públicos
Lidia Senra, intervindo no acto sobre pensións en Barcelona
Lidia Senra, intervindo no acto sobre pensións en Barcelona  

A actual eurodeputada e candidata á eurocámara por En Marea-Compromiso por Europa, Lidia Senra, participou en Barcelona na clausura da VI Asemblea da Marea Pensionista de Catalunya. Desde alí marcou como prioridade para o vindeiro período que se abre na Unión Europea finalizar co mercado europeo de pensións privadas.


A europarlamentaria Lidia Senra viaxou a Barcelona para participar na asemblea da Marea de Pensionistas de Catalunya, desde onde se comprometeu a seguir traballando desde a eurocámara por garantir pensións dignas a través dos orzamentos públicos. Así, a cabeza de cartel de En Marea-Compromiso por Europa afirmou que seguirá loitando para que ningunha persoa fique na pobreza ao remate da súa vida laboral.

Alertou a eurodeputada da intención da UE de privatizar as pensións mediante o Produto Paneuropeo de Pensións Individuais

Alertou a eurodeputada da intención da UE de privatizar as pensións mediante o Produto Paneuropeo de Pensións Individuais (PEPP), “ao que nos opuxemos totalmente co noso voto en contra”, afirmou Senra, quen sinalou como inadmisíbel que as pensións dependan da capacidade de aforro que teña cada persoa.

Desde a candidatura de En Marea-Compromiso por Europa defenden que os sistemas de pensións públicos e as pensións dignas deben ser garantidas a través dos orzamentos públicos, e nese sentido Lidia Senra apuntou ante centos de asistentes ao acto que “seguiremos traballando para botar abaixo o mercado europeo de pensións privadas e para que desde as institucións europeas se poñan instrumentos para que se garanta que ningunha persoa ao rematar a súa vida laboral entre na pobreza”. 

"A prioridade é facer toda a presión para que a UE adopte políticas que combatan as causas polas que as pensións públicas son insuficientes", afirmou Senra

A prioridade enunciada pola europarlamentaria en Barcelona é facer “toda a presión para que a UE adopte políticas que combatan as causas polas que as pensións públicas son insuficientes a día de hoxe” e sinalou entre elas as reformas laborais e de pensións “impostas polas santo-sacras institucións neoliberais e capitalistas”. Fronte a isto, reivindicou a necesidade de políticas públicas que garantan as pensións do futuro a todas as persoas, en lugar de solucións privadas “para uns poucos”.