ELECCIÓNS EUROPEAS

Lidia Senra comprométese a pular por unha Europa máis xusta e centrada nas persoas

Lidia Senra comprométese a pular por unha Europa máis xusta e centrada nas persoas
Luís Villares e Lidia Senra
Luís Villares e Lidia Senra  

En Marea preséntase ás eleccións europeas co obxectivo de defender a pesca, a agricultura e a industria galegas, así como as pensións e os servizos públicos.


A piques de arrincar a campaña electoral, En Marea anunciou o seu compromiso coa defensa dunha Europa máis xusta e social, que poña no centro as necesidades das persoas e na que Galiza conte “cunha voz propia capaz de defender as necesidades das galegas e galegos”, afirmaron a eurodeputada e candidata ao parlamento europeo Lidia Senra e o portavoz de En Marea, Luís Villares. 

"As claves están no feminismo, o ecoloxismo, o pacifismo, a xustiza social e a participación cidadá", sinalou Villares

Para a formación as claves están no feminismo, o ecoloxismo, o pacifismo, a xustiza social e a participación cidadá. Segundo afirmou Villares estas son as claves da coalición en que se integra a candidatura de En Marea (Marea-Compromiso por Europa) xunto ás formacións Compromís, Més por Mallorca, Chunta Aragonesista, Nueva Canarias, Coalición por Melilla e outras organizacións políticas.  

Villares sinalou que "en Europa xogámonos moito" 


Villares sinalou que "en Europa xogámonos moito, e por iso non podemos deixar en mans de calquera a representación que vaiamos ter a partir do día 26". Así mesmo, puxo en valor o papel desenvolvido por Lidia Senra nesta lexislatura e sinalou que continuarán a traballarár por impulsar unha nova construción social, que non deixe ninguén atrás.

Nese sentido denunciou “a apropiación dos servizos públicos para facer negocio, o saqueo das institucións e a corrupción como algo inasumíbel que queremos mudar", afirmou Villares.

“Arredor do 80% das decisións políticas que afectan á nosa vida diaria, á vida dos galegos e galegas, tómanse na UE", afirmou Senra

 

Pola súa banda, Senra, que ocupa o número dous da candidatura, sinalou necesario facer fincapé na importancia que teñen as eleccións europeas, xa que “arredor do 80% das decisións políticas que afectan á nosa vida diaria, á vida dos galegos e galegas, tómanse na UE, a través de políticas como a PAC (Política Agrícola Común) ou a PPC (Política Pesqueira Común), que notan ben os agricultores e agricultoras e a pesca artesanal cando chegan os recortes das cotas pesqueiras, por exemplo", explicou Senra.

En Marea marcou como prioridades para defender desde Bruxelas a vertebración, o saneamento das rías, o futuro do sector naval ou a transición ecolóxica, que dependen tamén directamente das decisións que se tomen en Europa. "En Marea foi a primeira forza política en poñer en mans da comisaria de transportes a necesidade de incluír a Galiza no Corredor Atlántico Ferroviario. Unha cuestión vital para revitalizar o noso tecido industrial e para os nosos portos", afirmou Villares, quen tamén reclamou  unha transición ecolóxica xusta, de xeito que non se provoque máis emigración nas comarcas afectadas polo cambio de modelo enerxético.