ANÁLISE

As listas das municipais fenden Ciudadanos

As listas das municipais fenden Ciudadanos
[Imaxe: C's] Á dereita, Olga Louzao, cabeza de lista por Lugo
[Imaxe: C's] Á dereita, Olga Louzao, cabeza de lista por Lugo  

Aspiraban a presentar arredor de oitenta candidaturas na Galiza pero a medida que se achega o 26 de maio semella que Ciudadanos ficará moi lonxe de o lograr. Malia fichaxes de relevo como Diz Guedes en Tui ou Mónica Martínez en Mugardos, o partido laranxa é noticia polas súas leas internas. Eis un extracto da peza publicada no número 366 de Sermos Galiza.


3Ciudadanos non remata de asentarse na Galiza. Se ben o partido laranxa fixo pública a súa intención de presentar 75 candidaturas na Galiza, o obxectivo fica a día de hoxe moi lonxe, considerando os seus dirixentes como un resultado óptimo concorrer en perto de corenta concellos. A organización de Albert Rivera conta cunha minguada introdución territorial no país, concentrada fundamentalmente nas sete cidades; nalgunha vila da área metropolitana da Coruña, caso de Cambre, Culleredo ou Arteixo, e en cabeceiras de comarca de Lugo, como Sarria, Ribadeo e Monforte de Lemos. Resulta salientábel a súa penetración na circunscrición de Pontevedra, con agrupacións en practicamente todas as comarcas. A día de hoxe o groso da súa militancia correspóndese con antigos militantes do PP enfrontados co seu antigo partido e tamén con membros de candidaturas independentes en busca dun paraugas máis seguro, non sendo quen, agás nalgunhas cidades, de integrar nas candidaturas persoas sen anterior participación política.

As leas internas lastran aínda máis as expectativas electorais da formación laranxa. Se as e os analistas electorais e mais os estudos sociolóxicos coinciden en sinalar que a posición dos de Rivera sobre o modelo de organización territorial e sobre as identidades diferentes á española explica o rexeitamento nas nacións sen Estado, a problemática interna minguas máis as súas opcións. Os conflitos locais que minan as posibilidades de Ciudadanos a escasos tres meses dos comicios municipais lembran os xurdidos nas vésperas das pasadas eleccións autonómicas, momento no que dimitían diversos responsábeis locais, comarcais e provinciais da organización. Os argumentos empregados polos dirixentes dimisionarios, ao igual que daquela, denuncian as inxerencias da dirección estatal nos asuntos locais, o incumprimento dos estatutos ao vetar candidatos que contan co apoio da afiliación ou a negativa da formación a celebrar primarias nas localidades para controlar a confección da lista e impoñer o cabeza do cartaz.

[Podes ler a análise íntegra no número 336 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]



x