Lobeira liga a agresión a un mozo de GN ao "clima antinacionalista" alimentado pola dereita

Lobeira liga a agresión a un mozo de GN ao "clima antinacionalista" alimentado pola dereita
Bieito Lobeira
Bieito Lobeira  SG

O ataque a un mozo de Galiza Nova en Pontevedra polo simples feito de levar unha camisola en que aparecía a bandeira galega coa estrela vermella enmárcase "nun contexto xeral que é o caldo de cultivo para que se xeren este tipo de agresións por parte da ultradereita ou o fascismo", dixo este sábado o responsábel de Organización do BNG, Bieito Lobeira, nunha entrevista na Radio Galega.

 


A agresión a Pablo B. é a secuela da agresiva retórica antinacionalista coa que se expresan acotío os portavoces de PP, Ciudadanos e agora Vox, considera Bieito Lobeira.

"Hai discursos políticos que se fundamentan na intolerancia, no non recoñecimento de nacións, de pobos, linguas diferentes da española, e ese clima antinacionalista que se está a xerar desde distintos ámbitos do estado, desde o PP, desde Vox, desde Cs, cría o caldo de cultivo propicio para que determinados desaprensivos utilicen estes métodos violentos", engadiu.

Enfatizou Lobeira que non estamos perante un lance isolado e lembrou que sedes do BNG xa teñen sufrido ataques por parte da ultradereita. "A ultradereita non é só Vox, tamén está incluída no PP ou en Cs", precisou.

En todo caso, si que matizou que non acha que estas accións as perpetren militantes desas forzas políticas. "Non creo que haxa militantes do PP, ou de calquera outro signo que eu coñeza, nese tipo de prácticas", esclareceu.