Lores insta Pedro Sánchez a que cumpra os seus compromisos e anule a prórroga de Ence

Lores insta Pedro Sánchez a que cumpra os seus compromisos e anule a prórroga de Ence
Lores [Foto: PontevedraViva.Com]
Lores [Foto: PontevedraViva.Com]  

"O señor Sánchez dixo publicamente que, se chegaba a ser presidente, ía retrotraer a prórroga de 60 anos que fixo en funcións o ex presidente Mariano Raxoi", afirmou este domingo, nunha entrevista na Radio Galega, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.

 


Lores, candidato do BNG á reelección como alcalde de Pontevedra, xulgou como "repetitiva" a mesa de negociación que propón A Moncloa sobre o futuro de ENCE na ría. "Xa no bipartito, Emilio Pérez Touriño [na altura presidente da Xunta] plantexou unha mesa de negociación que nunca se constituíu", declarou.

Para o alcalde de Pontevedra, a prórroga da concesión decretada polo Goberno Raxoi é nula de pleno dereito porque non atende o interese xeral e só satisfai a unha "celulosa privada que saca unha rentabilidade económica nunha ría que é de todos os pontevedreses".

 "Os pontevedreses non sacamos ningún beneficio da empresa. 200 postos de traballo e se acabou o rollo. Simplemente chupamos a contaminación ambiental aérea, a que vai á ría, as consecuencias da eucaliptización do país e outras cousas", enfatizou.

E xa en chave pre-eleitoral, e a respeito do feito de o modelo Pontevedra ser referente das políticas municipais do BNG, Lores afirmou: "Se a xente nos continúa a votar elección tras elección será porque algo teremos feito ben. Nese sentido, indiscutibelmente ser un referente é unha responsabilidade, mais tamén un orgullo para nós e para todos os pontevedreses".



x