O GOBERNO DESATENDE O ROGO DO PP

Lugo mantén o mural cos versos de Manuel María que o PP considera “independentismo”

Lugo mantén o mural cos versos de Manuel María que o PP considera “independentismo”
[Imaxe: Madia Leva] O mural de San Roque
[Imaxe: Madia Leva] O mural de San Roque  

O Concello de Lugo acolleu esta cuarta feira unha reunión da Comisión de Desenvolvemento sostíbel, Urbanismo e Medio ambiente que tratou o rogo presentado polo Partido Popular para que o Goberno municipal actuase contra o mural que recolle uns versos de Manuel María sobre os Mártires de Carral. Urbanismo comunicou que a pintura tiña permiso e que non a borrarán.


“Foi polo mes de abril do século dezanove / ¡Un berro forte baril a toda patria conmove! / Solís en Lugo berrou un berro de rebeldía / ¡Galiza enteira acorda! / ¡O pobo enteiro se erguía!”. Estes son os versos de Os Mártires 1846, un poema de Manuel María sobre os mártires de Carral que desde a pasada fin de semana viste un muro de San Roque e que realizou o colectivo Madia Leva.

Estes versos son para o PP “independentistas” e están acompañados de “símbolos á marxe da constitución”. De aí que chegase a presentar esta cuarta feira na Comisión de Desenvolvemento sostíbel, Urbanismo e Medio ambiente do Concello de Lugo un rogo co fin de pedir a retirada do mural.

Na iniciativa, á que tivo acceso Sermos Galiza, reclámase a “retirada inmediata de simboloxía independentista no parque de San Roque”. Sinálase, ademais, que o PP recibiu “numerosas queixas” derivadas, recolle o documento, “da existencia dunha pintada cunha bandeira independentista e a sinatura dunha asociación independentista vinculada ao nacionalismo galego, situadas ditas pintadas no muro do Parque de San Roque.

“Este tipo de simboloxía que recolle dito graffiti dá publicidade a unha asociación independentista e recolle ademais unha bandeira que non concorda nin coa Constitución Española nin co Estatuto de Autonomía de Galicia”, conclúe a exposición de motivos.

No rogo, o PP esixía a retirada inmediata da “pintada da bandeira independentista así como do nome da asociación vinculada ao nacionalismo e independentismo galego [por Madia Leva]".

Con autorización

Fontes municipais confirman a Sermos Galiza que ningún concelleiro do PP chegou a intervir na comisión ao respecto e simplemente deu lectura do rogo a concelleira do ramo. A postura do Goberno municipal foi clara: a pintada non se vai borrar porque ocupa un espazo de propiedade municipal e conta coa autorización precisa.

O BNG sinalou, en boca do seu portavoz municipal, Rubén Arroxo, que “o PP de Lugo está tan desfeito que quere converter a política municipal no Sálvame Deluxe”. Xosé Chorén, de Lugonovo, afirmou que a actitude do PP representa “un ataque agudo de ignorancia”.