ANÁLISE

Lugo, un partido a sete con final incerto

Lugo, un partido a sete con final incerto
[Imaxe: Galipedia] Muralla de Lugo
[Imaxe: Galipedia] Muralla de Lugo  

Está todo aberto. A falta de pouco máis de tres meses para que a veciñanza de Lugo proceda á elección da nova Corporación, ninguén se atreve a facer un prognóstico de quen gobernará a cidade durante os vindeiros catro anos. Trátase dun partido sen favoritos que se resolverá no tempo desconto.


3As vindeiras semanas sairán á luz novas enquisas que se sumarán ás sondaxes elaboradas por diversos medios de comunicación e por algunhas das forzas políticas que concorren aos comicios. Até agora a práctica totalidade dos estudos de opinión coñecidos coinciden en debuxar un escenario aberto, sen maiorías absolutas, cun goberno que xurdirá dos pactos postelectorais e onde se confirman as tendencias que se veñen repetindo nos últimos dous anos desta axitada lexislatura. Soben BNG e Vox, baixan PP, PSOE e Lugonovo, estáncase Ciudadanos e a candidatura promovida por Esquerda Unida e liderada por Carlos Portomeñe pelexa por manterse na Corporación e mesmo por superar a outra póla do espazo de En Marea. Ao tempo confírmase o desgaste da alcaldesa, Lara Méndez, sen que isto vaia acompañado nunha mellora na valoración doutros candidatos, agás no caso do cabeza de cartaz do BNG, Rubén Arroxo, o alcaldábel mellor valorado de todos cantos aspiran a gobernar Lugo.

O PP non dá freado a sangría

A chegada á presidencia local do partido e o posterior desembarco na cabeza da candidatura electoral do antigo subdelegado do goberno Ramón Carballo non conseguiu inverter a tendencia destrutiva na que se atopa a organización na cidade nos últimos anos. As dificultades que está atopando para fechar a candidatura, a consecuencia das liortas de familia que cuestionan día si e día tamén o seu liderado ou os bandazos nas súas posicións públicas non son máis que síntomas dos problemas que está atopando para conservar un electorado tradicionalmente fiel. Nese sentido son significativas as recentes declaracións aos medios de comunicación de Carballo nas que expresa a súa vontade de pactar con Vox após os comicios do mes de maio, auténtica confirmación da fuga de votos que sofren os populares e da vontade deste partido de gobernar co programa de Vox. A asunción do discurso máis reaccionario por parte do Partido Popular está a apartar da organización a un sector da súa afiliación e do seu corpo electoral crítico coa súa deriva.

Vox e Ciudadanos pelexan polo mesmo electorado

A baixada en intención de voto do Partido Popular non vai acompañada dunha suba proporcional de Vox e Ciudadanos. Mentres o partido de Abascal, sen presentar aínda candidatura, semella estar próximo a entrar na vindeira corporación amosando unha importante suba nos seus apoios, a formación de Albert Rivera fica estancado, segundo todas as enquisas, na súa actual representación de dous concelleiros, malia a boa percepción social da súa cabeza de cartaz, Olga Louzao. As propias fontes da organización laranxa non dubidan en sinalar que “as boas expectativas de Ciudadanos na cidade están víndose abaixo a medida que se fortalece Vox”, un dado que tamén confirman as diversas sondaxes, onde Vox aparece como segunda opción de voto entre o electorado de Ciudadanos. O éxito dunha e doutra forza política dependerá da súa capacidade para condicionar o goberno da cidade nos vindeiros catro anos, dándose por descontada a súa participación nun tripartito co PP no caso de que as forzas da esquerda non sumen maioría absoluta.

[Podes ler a análise íntegra no número 334 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]