LARA MÉNDEZ PREFIRE PROLONGAR AS CONTAS DE 2016 ANTES DE IR A UNHA MOCIÓN DE CONFIANZA

Lugo prorroga os seus orzamentos

Lugo prorroga os seus orzamentos
Lara Méndez, alcaldesa de Lugo
Lara Méndez, alcaldesa de Lugo  

A vida política do Concello de Lugo é a crónica dun absurdo que vive un novo capítulo co bloqueo dos orzamentos municipios deste ano. O goberno do PSOE nin chegou a un acordo cos grupos da oposición nin se esforzou demasiado para acadar tal obxectivo. Nin sequera lles presentou un proxecto de orzamento. As conversas limitáronse a declaracións de intencións e a unha lista de obras sen dotacións económicas.


Dende o PP ao BNG, todos os grupos deixaron só o Executivo socialista, aínda que algúns marcaron distancias con inesperadas piruetas. Chamou especialmente a atención a súbita mudanza de dirección do PP, cuxo portavoz, Xaime Castiñeira, mostrouse  disposto a negociar para pregar despois velas por orde do partido. Foi unha desautorización en toda regra a quen xa deixou de ser responsable da formación en Lugo, substituído polo subdelegado do Goberno, Ramón Carballo, e vive os seu último período como concelleiro. 

O BNG e Lugonovo, que apoiaron os orzamentos de 2016, optan agora pola abstención cansos, afirman, dos incumprimentos do goberno local, cara ao que expresan moita desconfianza. Pero mentres na asemblea nacionalista o debate oscilou entre a abstención e ao non á proposta gobernamental, a de Lugonovo supuxo toda unha labazada para o seu portavoz, Santiago Fernandez Rocha, que ficou só no seu empeño de apoiar o PSOE. Aínda que a votación respondeu máis ás divisións que axitan En Marea que a situación municipal, Fernández Rocha veu como se derrubaba a súa estratexia bipolar. Hai dúbidas fundadas sobre se quer ser parte do goberno ou da oposición.

Ciudadanos vinculou o seu aval aos orzamentos á creación dun colexio no cuartel de San Fernando, mais os seus concelleiros enrocáronse de tal xeito que as súa propostas parecía máis un pretexto para non chegar a un acordo do que a unha vontade negociadora real. O empeño real deste grupo é forzar unha moción de confianza ligada ás contas que derive nunha moción de censura, algo que se supón imposible coa actual correlación de forzas na corporación.

Máis que ao descoñecemento da estratexia de Orozco, a decisión adoptada pola rexedora deixa a impresión de que está mal aconsellada

O medo a someterse a unha moción de confianza é o gran erro da alcaldesa, Lara Méndez. Para outros alcaldes, foi unha xogada de libro, pero os asesores da rexedora viven noutro mundo. Así o fixo ou seu precedesor e compañeiro de partido, Xosé López Orozco, hai nove anos. Polo mesmo camiño optaron os alcaldes nacionalistas de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, ou o de Ribadeo, Fernando Suárez, cando gobernaban en minoría. Pola contra, a rexedora de Lugo optou pola prórroga das contas de 2016 e someterá a votación os investimentos, divididas por bloques, unha medida que fomentará debates interminables e incrementará a parálise da xestión. Nin a ela, nin á súa corte de asesores, lles pareceu suficiente o bochornoso espectáculo da acumulación de facturas impagadas, obxecto de agres discusións plenarias. Tampouco semella que lles preocupe que esta prórroga signifique a continuidade dos contratos de concesións con empresas implicadas no caso Pokemon.

Aínda que Lara Méndez perdese unha eventual moción de confianza, teríase o prazo dun mes para presentar un candidato alternativo e unha moción de censura. Se nese prazo non houbese moción, nin candidato, daríanse por aprobados os orzamentos. Nin Castiñeira -que exerce xa de cesante-  nin o debilitado Fernández Rocha, por citar os voceiros dos dous grupos máis numerosos da oposición, lles saen as contas para opta á alcaldía. Os votos de PP e Cidadáns non son suficientes para derrubar a Méndez. Unha moción de confianza poñería a Lugonovo, BNG e ACE na tesitura de apoiar directa ou indirectamente o PSOE. A impresión é que Lara Méndez non é consciente de que a súa principal obrigación como gobernante é aprobar os presupostos, non se sabe se por descoñecemento ou polo cálculo duns seus asesores que non coleccionan precisamente acertos nas súas estratexias.