DEBATE DO ESTADO DA NACIÓN

Luis Villares: “Temos un goberno de cartón pedra”

Luis Villares: “Temos un goberno de cartón pedra”

O portavoz do grupo mixto acusou Feixoo de converter o debate do estado de nación nun acto de precampaña, reprochándolle que se limite a acusar o goberno socialista en Madrid do que vai mal na Galiza.


Primeiro debate do estado da nación de Luis Villares como portavoz do grupo mixto, o máis pequeno da Cámara galega. Unha posición diferente á que tiña en 2018, cando interveu neste debate de política xeral como portavoz do principal grupo da oposición, En Marea, que rachou polas crecentes desavinzas e diferencias internas.

Villares mantivo o discurso duro con Feixoo, ao que acusou de adiantar este debate por intereses electorais, “desgaleguizándoo” e empregándoo como unha “cortina de fume” para non falar dos verdadeiros problemas do país..

Gasta máis cartos en publicidade que nas políticas

Problemas que resumiu en tres: a emerxencia feminista, a emerxencia climática e a emerxencia social. Problemáticas para as que, afirmou, o goberno galego actual carece de nada que ofrecer. “Non hai ideas e non hai proxecto de país. Temos un goberno de cartón pedra ao servizo dos lobbies das grandes corporacións empresariais”, dixo. 

Lembrou que nesta década de gobernos de Feixoo na Galiza “ficaron abandonadas 30.000 explotacións gandeiras”. Engadiu que Galiza é un dos territorios do Estado “onde aínda non se recuperou o emprego que había antes da crise. Concretamente, a maior. Hai 54.000 ocupados menos que antes”.

"Galician green deal"

Villares, que iniciou a súa intervención cunha cita de Greta Thunberg, propuxo ao resto da oposición que nestes meses traballen para afinxir o que denominou “Acordo social galego contra o cambio climático, unha sorte de Galician green new deal, no que impliquemos os sectores sociais, culturais, sindicais e da sociedade civil. Un acordo de longo percorrido, pois as medidas son de calado, para podernos presentar á sociedade galega como unha alternativa diversa pero que comparte valores esenciais”.