Madrid autoriza a recalificación do terreo forestal queimado

Madrid autoriza a recalificación do terreo forestal queimado

O Congreso aprobou a nova Lei de Montes que permite construír en chan ardido.


PP, UPyD e UPN sacaron adiante a nova Lei de Monte. Un texto lexislativo que introduce importantes mudanzas. Unha delas, das máis criticadas, a recalificación do terreo forestal queimado no que se permitirá construír sen que teñan que pasar 30 anos, como acontecía até o de agora. 

Desde o Partido Popular defenderon este novo marco afirmando que as forzas políticas que se opoñen á nova lei reflicten unha "falta de sensibilidade cos propietarios", a súa ampla maioría privados, e cos "habitantes do medio rural" aos que, dixo o deputado popular Manuel Torres, queren limitar "as súas posibilidades de desenvolvemento". 

Na Galiza, BNG e AGE amosaran con anterioridade o seu rexeitamento a esta reforma lexislativa que tildaron de "recentralizadora" debido á "usurpación" competencial que supón, mais tamén pola merma da capacidade de protección ambiental. 

Neste senso, para alén da recalificación de terreos queimados, o novo texto promove novos usos como a plantación de cultivos enerxéticos. Aliás, quita competencias aos axentes forestais que non poderán denunciar delitos pasando estas funcións a mans das FSE. No concreto, do Seprona.