XOÁN BASCUAS E RAFA CUÍÑA

“A maioría da militancia apostou en que Compromiso por Galicia sexa un proxecto autónomo”

“A maioría da militancia apostou en que Compromiso por Galicia sexa un proxecto autónomo”

O secretario xeral, Xoan Bascuas, di estar “pre-disposto” a ser candidato de CxG á Xunta. O alcalde de Lalín, Rafa Cuíña, destaca que a Convención amosou que o roteiro do partido “márcao a afiliación”


Por 71% votos a favor e 29% en contra a militancia de Compromiso por Galicia decidiu na Convención Nacional deste domingo que o partido concorrese en solitario ás eleccións autonómicas e descartando facer parte dunha candidatura coas 'mareas'. Un resultado que, recoñecen o secretario xeral de CxG, Xoán Bascuas; e o alcalde de Lalín por este partido, Rafael Cuíña, foi máis avultado do que moitos agardaban. Ambos coinciden, porén, en destacar que a Convención foi “un exercicio de democracia”. Así, Bascuas incidiu en que malia a importancia dos temas a discusión e o feito de que este ía ser un “punto de inflexión” a marcar o futuro do partido, “o debate foi elegante e cos argumentos como protagonistas”. Para Cuíña, CxG amosou que “a súa folla de rota márcaa a militancia”.

O secretario xeral de Compromiso considera que dos resultados do domingo extráese que “a gran maioría decidiu que CxG é un proxecto autónomo, onde os que facemos parte del somos os donos de nós propios”. O alcalde de Lalín exprésao como unha mostra de que “a maior parte da militancia quere que CxG teña a súa propia identidade”. “Non sei se é a mellor elección”, recoñece Cuíña, mais, aponta “desde o primeiro momento despois da votación é a que asumo e defendo”.

Candidaturas

Agora, e pasada a Convención, a vista ponse no Consello Político de maio, cita na que se presentará un regulamento de primarias para elexir candidato á Xunta toda vez que CxG decidiu concorrer en solitario. Cuíña descártase como candidato. “Agora o que toca é Lalín e traballar duro para sacar a maioría absoluta en 2019 [eleccións municipais]”. Ora ben, recoñece o rexedor lalinense que de cara aos comicios de 2020 podería valorar a serio dar o paso e candidatarse.

Xoan Bascuas afirma que está valorando dar o paso. Non bota balóns fóra, di que está “pre-disposto a selo”, mais que ten que valorar e sopesar unha serie de cuestións relativas á súa esferza persoal e privada.

Criterios programáticos

Na Convención do domingo non só se elixiu a fórmula de concorrencia ás autonómicas. Tamén se aprobaron algúns criterios programáticos básicos de cara á elaboración do programa electoral. Báscuas resúmeos en “afortalar o auto-goberno, defensa do sector público, nomeadamente da sanidade e educación; e aposta decidida nas nosas capacidades creativas e produtivas”.

Cuíña aponta que agora o que toca é “artellar listas potentes e alternativas críbeis” para sumar na construción dunha alternativa ao PP.