Máis de 150 persoas da cultura piden o apoio para a candidatura do BNG

Máis de 150 persoas da cultura piden o apoio para a candidatura do BNG

Alertan do “centralismo voraz” que silencia a cultura galega e subliñan o compromiso da organización nacionalista na defensa do país.


Máis de 150 persoas dos diferentes campos da creación literaria apoiaron xa ‘Aquí e Agora, para ter voz propia’, o manifesto de apoio á candidatura do BNG nas elección xerais do 28 de abril. Nomes do cinema, da música, da literatura, o teatro, a pintura, o activismo cultural ou a memoria histórica súmanse a este documento, que foi presentado ao público en Compostela pola escritora Ana Cabaleiro, o escritor e ensaísta Suso de Toro, a actriz Iria Piñeiro e o director de cine, Alfonso Zarauza.

“Queremos facer expreso o noso apoio a esta candidatura por considerar que é a única forza capaz de defender os intereses dos e das galegas no marco político do Estado”, explicou Cabaleiro,  quen salientou a diversidade e pluralidade das persoas asinantes.  “Todas as asinantes temos en común que queremos darlle voz a nosa propia cultura, para mantela viva ante un centralismo voraz que despreza outras identidades”, dixo.

Suso de Toro falou da “responsabilidade dunha intelectualidade que desde sempre ten o dobre reto de ser voz crítica do seu tempo e de dicir que este país existe”, engadindo que exercer esa “responsabilidade” “moitas veces ten un coste”.  “O BNG é unha voz imprescindible porque é a única que di que Galiza existe como nación, a única que non está sometida a estratexias da corte madrileña”, afirmou.

“Non están os tempos ni para parvadas nin para frivolidades fronte a unha dereita española que está volvendo a unha recentralización radical, con postulados predemocráticos dando pasos para atrás moi perigosos"

A actriz Iria Piñeiro apelou á necesidade  “de ensinarlle os dentes ao Estado español”, e reclamou políticas propias “tendo en conta que as persoas que nos dedicamos á cultura somos clase obreira e precisamos que se atenda ao noso traballo porque este sector é un recurso de riqueza”. “Penso que vivimos baixo un tellado de uralita, que o amianto non nos fai ben e temos que retellar con tella do país”, expresou graficamente actriz.

O director de cine, Alfonso  Zarauza considera que “non están os tempos ni para parvadas nin para frivolidades fronte a unha dereita española que está volvendo a unha recentralización radical, con postulados predemocráticos dando pasos para atrás moi perigosos”, advertiu.

Para sumarse ao manifesto  o enlace web Paratervozpropia.gal, que xa recolle as sinaturas de destacados creadores como Alfonso Becerra (dramaturgo), Antón Riveiro Coello (escritor), Carme Adán (escritora), Caxade (músico), Faia Díaz (cantante), Manuel Sendón (fotógrafo), María Lado (escritora), María Reimondez (escritora), Quique Costas (docente UVI), Roberto Pascual, (director da mostra de Teatro de Ribadavia), Ugia Pedreira (música), Vanesa Sotelo (dramaturga), Xurxo Souto (músico e escritor) ou Anxo Fazáns (directora de cine), entre outras.