DENUNCIA DOS COMITÉS DE SEAGA

Máis de 500 bombeiros, na casa “cando xa arderon máis hectáreas que en todo 2018”

Máis de 500 bombeiros, na casa “cando xa arderon máis hectáreas que en todo 2018”
Unha manifestación de traballadores de Seaga
Unha manifestación de traballadores de Seaga  

Os comités de Seaga denuncian publicamente que máis de medio milleiro  de bombeiros forestais “experimentados e profesionais” están “na casa” mentres que estas semanas ardeu máis que en todo 2018.


Os comités de traballadoras e traballadores de Seaga advirten de que a día de hoxe, cando “arde Galiza no comezo da primavera” e coa “condición de alto risco declarada desde onte” están na casa máis de 500 bombeiros forestais “experimentados e profesionais”.

“A Consellaría de Medio Rural retiroulle a Seaga a encomenda de incendios en aras dunha suposta unificación do servizo que non dá chegado”, advirte o colectivo, que lamenta que “as compañeiras e compañeiros de Seaga do distrito IV –onde se atopa o incendio de Dodro e Rianxo, que xa supera as 850 hectáreas– coñecen o terreo como a palma da man, pero non son chamados a traballar”.

As traballadoras e traballadores denuncian nun comunicado enviado aos medios que “a única solución que achega hoxe a Consellaría para frear esta vaga de lumes é o despregue da UME. Semella que agardan a que a situación estea fóra de control para mobilizar as brigadas do SPDCIF e de Seaga”.

Neste ano 2019, alertan, “xa arderon máis hectáreas que en todo o 2018”. “Arde o monte en inverno e na primavera. Cando pensa tomar medidas o conselleiro de Medio Rural? Que fará en xuño coas 600 novas prazas de reforzo? Quen as vai a cubrir?”, pregúntanse.

Os comités de Seaga instan o Goberno galego a explicar “que queren facer co servizo de extinción, porque está claro que improvisan e que queda moito que facer para ter un servizo único, público e de calidade no SPCDIF”. Este ano, advirten, 500 brigadistas experimentados quedarán fóra da extinción dos lumes. E é que a modificación do decreto que debería puntuar a experiencia laboral, sinalan, “está parado en Función Pública”.

unnamedEn Marea pide "a fin da propaganda da Xunta nas políticas contra os lumes"

Os Comités de Seaga non son os únicos que censuran o Goberno galego. En Marea reclamou esta terza feira "a fin da propaganda da Xunta nas políticas contra os lumes forestais e o comezo das medidas efectivas para facerlles fronte".

Luís Villares, portavoz do partido, Davide Rodríguez, parlamentar, e Ana Seijas, candidata ás eleccións xerais, visitaron a zona afectada polo incendio de Rianxo e Dodro e demandaron un sistema baseado na prevención dos lumes, non na súa extinción. “Feixoo non aprendeu nada dos lumes de outubro do 2017. Anunciou 30 medidas, que no seu momento denunciamos como medidas de propaganda e estamos vendo que esa é a realidade”, puxo de manifesto o portavoz en declaracións aos medios.

O alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, sinalou en conversa con Sermos Galiza na mañá desta terza feira, que a situación "está fastidiada". "Son moitos quilómetros ardendo", afirmou o rexedor nacionalista, que cualificou o que acontece como "dantesco".

Debido á proximidade do lume ás casas, na mañá da terza feira solicitouse a declaración de nivel 2 por proximidade ao núcleo de Meiquiz, e procedeuse a activalo. A maior preocupación é que o lume non chegue ás casas.