Máis alá dos asubíos ao himno: é o soberanismo o que pon dos nervos ao réxime

Máis alá dos asubíos ao himno: é o soberanismo o que pon dos nervos ao réxime
Acto público de EH-Bildu
Acto público de EH-Bildu  SG

Un xogo futbolístico -a final da Copa da Monarquía Anacrónica- levou á tona do cenario unha evidencia: a ruptura co réxime quen a protagoniza é o soberanismo.


 

As distintas estratexias do unionismo non teñen receita contra as demandas soberanistas cando estas teñen a menor oportunidade de se expresar masivamente, fóra do ámbito das institucións, ou facendo un V nas rúas de Barcelona ou tomando as bancadas do Camp Nou.

Hai unha demanda masiva de soberanía en Catalunya e en Euskadi e iso é o que pon dos nervos ao réxime e o que o empurra a procurar todo tipo de válvulas de escape para desviar a atención sobre a contradición fundamental que o atenaza.

Isto é o que en termos políticos subxaz ao debate sobre os asubíos ao himno. En calquer caso, vir a axitar o código penal cuase como ameaza cando do que se trata é de lexítimas demandas cidadás -o asubío non era falta de respeito: era expresión masiva de que se tenciona algo radicalmente distinto ao que hai- mostra mais unha vez que no Estado vivemos nunha democracia de baixa intensidade, herdeira en aspectos centrais -a indisolúbel unidade da patria española, artigo da CE de claras resonancias joseantonianas- da ditadura franquista.

 Sen querer importarmos modelos foráneos, si que hai verdades universais que non podemos ignorar

O debate político nestes días en Catalunya e en Euskal Herria é como continuar a manter a iniciativa face o unionismo. A chave está en avanzar cara á unidade das forzas soberanistas. E tamén en tentar despexar as ambigüidades de quen, entre as forzas emerxentes, se quixer pór de perfil nun contexto en que se achega o momento de tomar partido. En Euskal Herria non é para nada desprezíbel o entendimento entre Geroa Bai (PNV) e EH Bildu. Ese o camiño. Acumular forzas para desbordar o marco antidemocrático do Estado español e para abrir un novo escenario en que os pobos podan tomar a palabra libremente.

Galiza vai varios pasos por detrás de Catalunya e Euskal Herria. Nada novo na nosa historia. Sen querer importarmos modelos foráneos, si que hai verdades universais que non podemos ignorar. Entre elas que a unidade fai a forza. A unidade dos que si toman partido por un marco exclusivamente galego de decisión. Sen ese "exclusivamente galego" non seremos máis que un débil eco das dinámicas matritenses. Sen ese "exclusivamente galego" nunca poremos dos nervos ao réxime e nunca acurtaremos a distancia -neste momento considerábel- que nos separa das nacións que van na vangarda.