O ministro de defensa chama ao Exército a non caer en 'absurdas provocacións'


O ministro de defensa chama ao Exército a non caer en 'absurdas provocacións'
El-Rei e o ministro de Defensa español denuncian na Pascua militar os recortes sufridos nos Orzamentos e louban o "ánimo firme e sereo" do exército fronte as "absurdas provocacións" soberanistas.

Se ben é certo que El-Rei non escribe as súas intervencións públicas, senón que son redactadas desde o goberno --agás o discurso de Noiteboa, o que nunca fixera o monarca fora demandar maiores investimentos e contención nas políticas de austeridade que está a aplicar o executivo liderado por Mariano Rajoy. Neste senso, El-Rei, asegurou no acto castrense máis sinalado do almanaque, que "a actual crise económica actúa como unha ameaza para a seguridade" e insta a "priorizar o esforzo" no mantemento das "capacidades militares" en aras dunha suposta "disuasión verosímil en defensa dos intereses" do Estado español.

Defensa insta ás Forzas armadas a non caer en 'absurdas provocacións'

O gasto militar previsto para 2013 está fixado en 16.492 millóns de euros --máis do dobre do que inicialmente fora anunciado polo goberno. No entanto, desde o ministerio de Defensa exixen un maior investimento militar e a adxudicación dun crédito extraordinario de 1.782 millóns encamiñados a sufragar as débedas contraídas con diversas empresas, fronte ás "medidas de redución do gasto" aprobadas polo executivo.

Louban o comportamento "senero" dos militares perante "absurdas provocacións"

A consulta catalá segue a centrar boa parte das intervencións gobernamentais. Malia que as autoridades castrenses evitaron concretar cales eran as provocacións ás que fixo referencia o ministro de Defensa, o certo é que as verbas de Pedro Morenés fixeron honra ao proverbio "a bon entendedor [entendedora] poucas palabras faltan". Neste senso, o ministro loubou o "ánimo firme e sereo" amosado polos militares fronte a "absurdas provocacións" e acrecentou, "cumpren caladamente co seu deber", fixado na Constitución como a "defensa da integridade e unidade do Estado".