ASEMBLEA DE IXU

Máis de mil persoas apoian o proceso para ir a unha candidatura galega soberana

Máis de mil persoas apoian o proceso para ir a unha candidatura galega soberana
PLENARIO
PLENARIO  

Máis de mil persoas acudiron hoxe á chamada de Iniciativa pola Unión co obxectivo de conseguir “unha ampla representación galega soberana” no Congreso, a través dunha candidatura nacional.


Iniciativa pola Unión puxo en marcha hoxe os principais resortes para configurar a candidatura nacional que permita acadar, en palabras da organización, “unha ampla representación galega soberana” no Congreso. Para isto, máis de mil persoas acudiron á chamada de IxU, que realizou a súa primeira grande asemblea no Auditorio de Galiza.

As persoas participantes dividíronse en tres grupos de traballo á vez que representantes que encarnan as diversas loitas sociais proxectaban cadansúa problemática diante do plenario, que escoitou numerosas palabras de apoio ao proceso independentista do pobo catalán. Amais de portavoces do ámbito sanitario, do ecoloxismo, do sector leiteiro, do mar, da igualdade, do deporte, da lingua, da memoria… interviñeron diante do plenario responsábeis de organizacións políticas, sindicais e sociais -como Xavier Vence, portavoz nacional do BNG; Rafa Cuíña, alcalde de Lalín e representante de Compromiso por Galicia; Suso Seixo, secretario xeral da CIG, ou Anxo Quintana, portavoz de Somos Nós- para salientar, todos eles, a necesidade de acadar unha candidatura unitaria galega.

O sector cultural estivo amplamente representado entre as persoas participantes. Entre outras persoas, asistiron á asemblea Margarita Ledo, Suso De Toro, Manuel Bragado, Quico Cadaval ou Cesáreo Sánchez.

As conclusións aprobadas polo plenario

Contra as 14.30h déronse a coñecer as conclusións ás que chegaron os distintos grupos de traballo en que se dividiron as persoas participantes. Todas e cada unha das conclusións, que o conxunto do plenario votou por grupos, saíron adiante co apoio da inmensa maioría.

O programa electoral terá que estar rematado no prazo dun mes e medio

O grupo de traballo número 3 foi o primeiro en comunicar as conclusións: a confección e remate do programa electoral no prazo dun mes e medio e as principais máximas en materia de código ético.

Plenario Iniciativa pola Unión, 26 setembro 2015

A continuación, transmitiu as conclusións o grupo de traballo electoral e de comunicación, o número 2, que acordou que, dado o marco legal electoral existente, a fórmula para concorrer ás eleccións será a de coligazón. Os acordos da coligazón, sinalaron os relatores, “partirán sempre da asemblea xeral e dos órganos correspondentes co máximo respecto pola democracia”.

No que respecta á escolla da candidatura, acordouse a necesidade de “constituír unha comisión técnica que avalíe de forma concreta un regulamento que determine o proceso de escolla”. Tamén se acordou a “necesidade de crear censos previos estruturados de acordo coas circunscricións electorais” que se corresponden coas eleccións estatais. O método será o de “listas abertas con porcentaxe de escolla máxima, e non mínima, por parte das persoas participantes”. Necesitaranse un mínimo de avais para candidatarse. A votación será en urna, mais acordouse de estabelecer un sistema telemático que lle dea resposta ás persoas que non poidan votar de maneira presencial, como é o caso das persoas residentes no estranxeiro.

O proceso de escolla de candidatos e candidatas será o de listas abertas

O grupo que máis se demorou no debate foi o número 1, o relativo á organización e extensión. De aí que fose o último en dar conta das conclusións sobre a elección dos membros da nova coordinadora e as fórmulas de participación de partidos políticos e colectivos. Os principios básicos deste grupo xiran ao redor do obxectivo primordial marcado: a configuración dunha “candidatura nacional” para conseguir “unha ampla representación galega soberana” nas Cortes do Estado.

Acordouse a creación dunha comisión nacional formada por 15 persoas, que serán as encargadas de buscar unha fórmula para coordinar IxU coas forzas políticas

Este grupo acordou crear unha nova coordinadora nacional en base aos criterios de representatividade e pluralidade existente, así como da participación directa de persoas representativas de diferentes campos. Desta maneira, propuxéronse un total de 15 nomes que terán que ser referendados vía telemática ao longo desta semana: Xosé Luís Rivas “Mini”, Rafael Cuíña, Suso Díaz, Suso Bermello, Helena Pérez, Elvira Souto, Olalla Rodil, Antía Cal, Míriam Rodríguez, Xavier Campos, Paula Verao, Fernando Souto, Carlos Ares, María Bragado e Carlos Méixome. Ademais, aprobouse que esta comisión buscará a fórmula de coordinación necesaria de IxU coas forzas políticas que queiran participar neste traballo de conformación da candidatura. Pola outra banda, este grupo número 1 acordou a organización de actos de Iniciativa pola Unión ao longo do país.

O representante de Encontro cidadán por unha Marea Galega elude referirse a unha candidatura “galega”

A participación dun dos portavoces do Encontro cidadán por unha Marea Galega, Quique Costas, espertou interese entre as persoas participantes. Na súa intervención, que comezou agradecendo o convite, eludiu, en todo momento, aludir a unha candidatura “galega”. Así, insistiu en que o Encontro traballa por acadar “unha candidatura única de unidade popular”.

Malia evitar falar de Galiza e da candidatura galega, Costas salientou a vontade do Encontro de “traballar xuntos e xuntas para conformar unha candidatura unitaria”. Explicou que as persoas “militantes” do Encontro adoptarán a decisión entre “todos e todas”: “optaremos por sumarnos á proposta da Iniciativa pola Unión ou pola contraproposta do Encontro”, sinalou. O representante do Encontro tampouco quixo facer referencia ao pre-acordo anunciado por Anova, Esquerda Unida e Podemos a pasada sexta feira para acudir xuntos nunha mesma candidatura.