A GENERALITAT NON VÍA XUSTIFICADO ELEVALO

Manteñen o nivel 4 de alerta terrorista, mais "con reforzos" en zonas turísticas

Manteñen o nivel 4 de alerta terrorista, mais "con reforzos" en zonas turísticas
[Imaxe: @ZoidoJI] A Mesa, reunida
[Imaxe: @ZoidoJI] A Mesa, reunida  

O ministro do Interior, Juan Antonio Zoido, vén de comunicar que a Mesa extraordinaria da ameaza terrorista, reunida este sábado en Madrid, acordou por unanimidade manter o nivel 4 (sobre 5) de alerta. Asegurou que, aínda así, reforzarán dispositivos.


O Estado español continuará no nivel 4 (sobre 5) de alerta terrorista após o duplo atentado que tivo lugar en Catalunya na quinta feira e na madrugada da sexta feira. Así o advertiu o titular do Ministerio do Interior, Juan Antonio Zoido, se ben, asegurou que reforzarán dispositivos policiais en zonas de afluencia masiva, como as turísticas.

O conseller de Interior da Generalitat, Joaquim Forn, puxera de manifesto a sexta feira pola noite que o Govern catalán consideraba que non estaría xustificado aumentar o nivel de alerta a 5, un nivel que suporía a presenza do exército español nas rúas. Tampouco lle parecía razoábel a militarización aos Mossos, que na tarde da sexta feira informaron das últimas novidades a respeito do operativo policial.

O nivel 4 de alerta estabeleceuse en xuño de 2015 en todo o Estado español após os ataques jihadistas de Francia, Túnez, Kuwait e Somalia e reforzárase após os atentados de París. Elevalo a 5 suporía recorrer ao exército español e á posibilidade de restricións no espazo aéreo, segundo a información do Ministerio do Interior. No caso de elevar a alerta a máximo risco, o Goberno español podería recorrer a, cando menos, 5 mil militares de reacción rápida.