Manuel Martínez: “Non son un corrupto e non vou demitir”

Manuel Martínez: “Non son un corrupto e non vou demitir”
Manuel Martínez
Manuel Martínez  

O alcalde imputado de Becerreá que deu a presidencia da entidade provincial ao PP comparece para defender o seu voto e anunciar que non pensa deixar o cargo de deputado provincial. Ofrécese para liderar unha moción de censura aos populares.


Manuel Martínez compareceu en Lugo ante os medios de comunicación na tarde desta quinta feira para defender a súa posición de se votar por si propio en primeira volta e en branco na segunda durante a constitución da Deputación de Lugo. Unha decisión que deu a presidencia da entidade provincial ao PP. Martínez, alcalde socialista de Becerreá, adicou boa parte da súa intervención a cargar contra o BNG por afirmar que non votaría por el como candidato a presidente provincial por estar imputado. Martínez manifestou que el non tiña por que cumprir as directrices nacionalistas e dixo que “tiña dereito a ser presidente da Deputación de Lugo”.

Foi nese punto no que sinalou que “non penso demitir”, decisión que fecha as portas -polo menos de momento- a unha moción de censura ao PP e mesmo pediu do PSdeG “que me defenda e ampare”. Ao seu entender negou que houbese motivo algún para que o PSOE lle abrise expediente e mesmo insinuou que podería haber unha moción e socialistas e nacionalistas contra o PP, mais con el como candidato., 

Feijóo cuestiona Besteiro

Núñez Feijóo cuestionou o liderazgo do secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, ao que avertiu que "cando un líder non lidera"e fai sempre "o contrario do que di" ao final hai "consecuencias", en referencia ao acontecido na Deputación de Lugo esta cuarta feira.

Na súa comparecencia posterior ao Consello da Xunta, Feijóo dixo que "non" esperaba o acontecido na Deputación, mais celebrou, dixo, que na entidade provincial goberne "a listaxe máis votada".

Darío Campos: "Non lle gardo rencor"

Darío Campos, candidato proposto desde Ferraz a última hora para substituír Manuel Martínez por estar imputado, confesou que non garda "rencor" a quen é o seu compañeiro de partido. "Sei que Manolo (Martínez) é un persoa noble, que errou e aínda está  a tempo de rectificar", dixo antes da comparecencia do rexedor de Becerreá. Insistía Campos en que Martínez "equivocouse", porque "dentro da súa aspiración a ser presidente da Deputación todas as circunstancias lle coincidiron mal para selo".

PSdeG abre expediente disciplinar

O PSdeG remitiu a Ferraz un expediente disciplinario aberto ao alcalde de Becerreá, Manuel Martínez, ante a "enorme gravidade" de que propiciase que o PP presida a Deputación de Lugo, após se negar a acatar a orde da dirección do partido de votar un candidato alternativo para este órgano que obtivese o apoio do BNG.

A secretaria de Organización do PSdeG, Pilar Cancela, explicou que a orde que tiña Martínez de votar a Darío Campos para "manter un goberno progresista" na Deputación de Lugo "era unha decisión do partido, non unha decisión individual".