En Marea anuncia que abre negociación co Goberno polos orzamentos estatais

En Marea anuncia que abre negociación co Goberno polos orzamentos estatais
A viceportavoz de En Marea Ana Seijas (esquerda) e mais a responsábel de relacións interinstitucionais, Mariló Canedo. Foto: En Marea.
A viceportavoz de En Marea Ana Seijas (esquerda) e mais a responsábel de relacións interinstitucionais, Mariló Canedo. Foto: En Marea.  

A dirección de En Marea vén de anunciar a apertura de “diálogo” co Goberno de Pedro Sánchez sobre o proxecto de orzamentos do Estado. “Estamos elaborando un documento técnico político sobre a base da Axenda Galega do Cambio”, afirmou Mariló Canedo, responsábel de relacións interinstitucionais da confluencia.
 


“Nestes intres temos un non enriba da mesa”, explicou en comparecencia de prensa, “pola desproporción que hai para Galiza respecto a outras rexións e polo esquecemento de cuestións prioritarias para o país”. Canedo afirmou que o texto a partir do que falarán con Sánchez “pecharase o vindeiro sábado no Consello das Mareas xunto coas deputadas de En Marea no Congreso”.

A dirixente resumiu: “Dependendo da receptividade do Goberno ás nosas propostas estabeleceremos a nosa posición. Estamos abertas, pero partimos dese non que anunciamos a semana pasada”.

Europa

A comparecencia de prensa en que avisaron das negociacións tamén serviu á coalición de partidos para tratar das eleccións europeas. “En Marea está traballando nunha candidatura galega, nunha candidatura de país que defenda os intereses de todas as galegas, centradas nas necesidades de cara á Europa de toda a sociedade galega”, expuxo a viceportavoz Ana Seijas, quen asegurou que iniciaran conversas “con diversas formacións políticas que comparten con En Marea os principios dunha Europa das persoas e que entenden o espazo política galego”.

Nos anteriores comicios europeos, a formación precedente de En Marea, Alternativa Galega de Esquerda, presentou Lidia Senra, quen, integrada nunha lista con Izquierda Unida ou Iniciativa per Catalunya, obtivo un escano. No medio da lexislatura abandonou a disciplina da coalición galega e estatal.