ELECCIÓNS XERAIS 28A

En Marea anuncia que proporá 299 medidas urxentes para Galiza

En Marea anuncia que proporá 299 medidas urxentes para Galiza
Villares coa candidatura de En Marea
Villares coa candidatura de En Marea  

Luís Villares avanzou que En Marea contará cun programa de 299 medidas urxentes para Galiza. Estas medidas e o conxunto do programa trataranse na convención electoral que a formación celebrará este sábado en Compostela.


En Marea anunciou que presentará 299 medidas urxentes “para mellorar a calidade de vida da maioría social galega”, mais aínda haberá que agardar á convención do sábado para poder coñecelas.


Luís Villares, portavoz de En Marea, xunto co responsábel de análise estratéxica, Xoán Hermida, avanzaron que as medidas programáticas estarán asentadas nos principios da xustiza social, avance democrático e ecoloxismo.

En Marea concorrerá ás eleccións xerais cun programa co que aspiran a participar da “gobernabilidade do estado” e “contribuír a unha maioría comprometida co benestar social”. Ao mesmo tempo anunciou o seu compromiso de priorizar a defensa do desenvolvemento social e económico de Galiza, xa que “o feito de sumar non pode supoñer restar para as galegas". Nesta liña avanzaron que é preciso impulsar políticas que impidan a deslocalización e que fomenten o asentamento empresarial e o comercio local.

Luís Villares afirmou durante un almorzo informativo que “a ampliación de dereitos se basea en asegurar servizos e bens públicos para o conxunto da poboación” e puxo coma exemplos o desenvolvemento dunha Lei de Dependencia, o acceso á vivenda, a suficiencia enerxética ou a auga.

Villares reivindica “coherencia de En Marea”.

O portavoz de En Marea afirmou que a coherencia é un valor fundamental para En Marea e que será resaltado ao logo da campaña. Nesa liña, Villares incidiu na diferenza entre En Marea e as forzas que “apostaron por votar en contra do desenvolvemento socioeconómico de Galiza nos últimos orzamentos do Estado".



x