9 PSOE, 9 PP, 6 MA, 2 BNG E 1CS

A Marea Atlántica cede ao PSOE a Alcaldía da Coruña

A Marea Atlántica cede ao PSOE a Alcaldía da Coruña
[Imaxe: SG] Inés Rey, candidata do PSOE á Alcaldía da Coruña
[Imaxe: SG] Inés Rey, candidata do PSOE á Alcaldía da Coruña  

Inés Rey, candidata do PSOE, será a próxima alcaldesa da Coruña. Logra nove actas e fica a apenas 300 votos do PP. A Marea Atlántica de Xulio Ferreiro retrocede das dez que lle deran o bastón de mando en 2015 a seis. O BNG sobe de un a dous edís e Ciudadanos estréase en María Pita cunha acta.


Co 98,65% do voto escrutado, o PP impúxose por apenas 300 votos. Mais o PSOE foi o triunfador da noite na Coruña, con nove actas, tres máis que en 2015, cando obtivera o 18,34% dos votos. O PP baixa dos dez aos nove edís e do 30,89 aos 30,28% dos apoios.

A continuación sitúase a Marea Atlántica. O partido encabezado polo actual alcalde, Xulio Ferreiro cae desde o 30,89% dos apoios e dos dez edís a seis, mentres que o BNG sobe do 5,71% de apoios ao 7,2% e de un a dous representantes.

Logra entrar no salón de plenos en María Pita a candidata de Ciudadanos ao chegar ao 5,7% dos votos. En 2015, a formación laranxa acadara o 4,89% e ningunha acta.

Con estes resultados, Inés Rey, candidata do PSOE, será probabelmente a alcaldesa da cidade, xa que o bloque das esquerdas suma 17 cadeiras fronte ás dez da dereita.