IAGO MARTÍNEZ, NÚMERO 7

Marea Atlántica concede a Podemos a oitava praza na súa lista

Marea Atlántica concede a Podemos a oitava praza na súa lista
Foto de grupo da candidatura de Ferreiro
Foto de grupo da candidatura de Ferreiro  

Tido nos ambientes politicos como cerebro do movimento político que, xurdido do nada, chegou aos 10 escanos en 2015, Iago Martínez concorrerá o 26M como o número 7 da lista da Marea Atlántica. O partido que lidera Xulio Ferreiro relegou Podemos á oitava praza da candidatura, de consecución incerta.


Os inquéritos disponíbeis pintan unha Marea Atlántica con leve tendencia á baixa (os estudos non recollen aínda o impacto de Vox polo que é ben xulgalos con moito tino), co cal o punto de partida non sería o mantimento dos 10 asentos obtidos en 2015. Esa perspectiva pairou sobre o proceso de confección da candidatura para o próximo 26 de maio. Dos 10 nomes de 2015 caeron 4, os máis relevantes, Rocío Fraga e José María Sande, dirixentes que non facían parte do núcleo duro de Xulio Ferreiro e que renunciaron a continuar en María Pita. Tamén se fixeron a un lado Daniel Díaz Grandío e Eugenia Vieito.

A lista de Ferreiro —que foi presentada este domingo e que previsibelmente non terá con quen competir nas primarias axendas entre os días 15 e 17 deste mes— ofrece dous nomes como principais reclamos: o de Iago Martínez e o de Isabel Faraldo. Martínez é o actual xefe de gabinete de Ferreiro e a súa influencia na toma de decisións do goberno municipal é incuestionábel. Na presentación da candidatura, o alcalde detívose neste asunto: "Durante estes catro anos, foi un magnífico compañeiro, a persoa que calquera dirixente intelixente quer ter ao seu lado, capaz e xenerosa, e que di o que pensa. Será un bon concelleiro. Costoume moito convencelo, para min vai ser complicado procurar un xefe de gabinete, mais vai compensar e, ao cabo, vai continuar ao meu lado".

Martínez, por súa parte, mostrou a súa lealdade a Ferreiro —"onde Xulio me diga, alí estarei"— e esforzouse en desmontar o "mito" que o retrata como o auténtico poder na sombra en María Pita: "Eu non mando nada. Son un máis".

Canto ao factor Podemos, o núcleo de dirección da Marea optou por lle conceder un posto, o oitavo, en teoría de saída. Será para Isabel Faraldo, ex secretaria xeral da formación morada na cidade. É máis do que obtivo o partido de Pablo Iglesias en 2015 cando se tivo que conformar coa decimoterceira praza da candidatura.

Por medio dun comunicado de prensa, Anova quixo facer explícito o seu apoio á lista de Ferreiro. Para a formación liderada por Antón Sánchez, a candidatura representaría "un proxecto gañador que permitirá catro anos máis dunha Coruña para o 99%, pensada por e para a xente do común e que reforza a idea da confluencia que reinou en 2015".

De feito, na lista de Ferreiro aparecen dous militantes de Anova: Alberto Lema, en posto de saída, na quinta praza, e Gema Riveiro, na decimoquinta posición.