En Marea, BNG e Grupo Mixto piden que a nova Valedora se elixa por “consenso”

En Marea, BNG e Grupo Mixto piden que a nova Valedora se elixa por “consenso”
Parlamento de Galiza
Parlamento de Galiza  

As tres formacións coinciden en criticar o “descrédito” da institución nestes anos por mor dos intereses do PP.


A dimisión de Milagros Otero como Valedora do Pobo chega “moi tarde”. Esta é a primeira coincidencia de En Marea, BNG e grupo mixto á hora de valorar a renuncia de Otero case catro meses despois de ser condenada polo Tribunal Supremo por ‘enchufar’ a irmá do portavoz parlamentar do PP. A segunda coincidencia reside na demanda de que a elección da nova persoa que sexa designada para a Valeduría naza dun consenso “amplo” no Parlamento.

Antón Sánchez, do grupo parlamentar de En Marea, cualificou o acontecido con Milagros Otero como “vergoña democrática”. “Non pode ser que á fronte dunha institución que debe velar polos intereses das cidadanía estea durante meses unha persoa sobre a que pesa unha sentenza por enchufar a sobriña de Fraga”.

“Feixoo é responsábel do dano á unha institución estatutaria como é a Valeduría do Pobo” denunciou a portavoz nacional, Ana Pontón, que demanda que a nova valedora ou valedor naza “dunha elección ampla, representativa”.

Luís Villares, do Grupo Mixto, apuntou a que se “debería abrir un proceso dialogado no que todas as forzas políticas tivésemos a oportunidade de buscar un nome de consenso”.

A elección de Milagros Otero nace dun pacto entre PSOE e PP que foi moi criticado polo resto das forzas con representación parlamentar naquela altura.

Gonzalo Caballero (PSdeG) afirmou esta terza feira que “a caída da Valedora do Pobo é a vitoria da presión pola limpeza e a rexeneración fronte á ilegalidade e o enchufismo que Feixoo amparou durante un ano a pesares das sentenzas”.