En Marea e BNG marcan perfil político no comezo de 2018

En Marea e BNG marcan perfil político no comezo de 2018
Escanos da oposición no Pazo do Hórreo [Foto: Laura R. Cuba]
Escanos da oposición no Pazo do Hórreo [Foto: Laura R. Cuba]  Foto: Laura R. Cuba

"Xustiza social", "traballo digno", "cohesión territorial". Esas son as palabras de orde de En Marea para 2018. "Novo Marco Institucional" e "Concerto económico para criar emprego" son as do Bloque.


Xaneiro é un mes inhábil no Parlamento da Galiza, mais as forzas da oposición ao PP non demoraron en marcar as súas prioridades para este 2018. Esta segunda feira, Luís Villares e Ana Pontón -líderes de En Marea e BNG- compareceron na cámara galega para, en senllas conferencias de imprensa, debullaren as súas respectivas axendas políticas para este novo curso.

 

Cada forza marcou o seu perfil. En Marea mostrou a súa condición de forza transversal -Villares estivo acompañado na conferencia de imprensa por Carmen Santos, a líder de Podemos, forza maioritaria no grupo parlamentar da confluencia-, en tanto que o BNG mostrou a súa identidade soberanista, cun claro reclamo sobre a mesa, o de constituír no primeiro trimestre de 2018 unha ponencia parlamentar para -desde o "sosego", enfatizou Pontón- reflectir sobre o esgotamento do marco institucional actual e propor mudanzas que partan do recoñecimento da Galiza como nación.

 

DSC_0035"É un debate que xa está aberto no Estado e Galiza non pode quedar como mera espectadora senón que debe ser protagonista marcando tempos e prioridades”, dixo a líder do Bloque.

 

O discurso de En Marea elude pór en primeiro plano a conquista de máis autogoberno para Galiza -a confluencia non partilla a proposta do BNG a prol dun concerto económico para o país das características do vasco- e, destarte, Villares e Santos optaron por reforzar o perfil social das súas propostas, con medidas dirixidas a salvagardar as prestacións sanitarias públicas ou a combater a pobreza enerxética.

 

A xustiza social tamén fai parte das aspiracións do BNG, mais o Bloque entende que aquela non é alcanzábel plenamente desde o actual marco político, daí que poña a énfase na necesidade da súa transformación. Un novo status nacional que veña acompañado da plena autonomía fiscal. Isto é, o concerto económico: “Se é un modelo exitoso para Euskadi, non sabemos por que Feijóo non o quere para Galiza e prefire que perdamos oportunidades”, dixo Pontón.

 

unnamed (16)Por súa parte, o portavoz parlamentar e orgánico de En Marea, Luís Villares, mostrou a súa preocupación polo devalo demográfico que sofre o país. Galiza só poderá recuperar populación se mudaren as políticas en curso da direita. "A única forma de acabar co problema demográfico é garantir o acceso aos servizos esenciais e emprego con dereitos en todo o territorio”, alegou.

 

Leiceaga denuncia que o Estado "quita" a Galiza máis de 300 millóns de euros


Esta segunda feira tamén compareceu perante os meios no Pazo do Hórreo o portavoz do grupo parlamentar do PSdeG-PSOE, Xaquín Fernández Leiceaga. Foi para denunciar que, no cadro do actual modelo de financiamento, o Estado tería arrebatado a Galiza 321 millóns de euros no recálculo das entregas a conta (en xullo, explicou Leiceaga, Madrid tería comprometido ese diñeiro á facenda galega e agora négallo ao facer unha estimación á baixa dos ingresos). O problema é que a Xunta elaborou os orzamentos 2018 contando con esa cantidade e agora terá que introducir recortes sobre as súas previsións iniciais, dixo o tamén presidente do PSdeG.
 

Ese diñeiro, alén do máis, non son recursos dos que poda dispor libremente o Estado, alegou Leiceaga, porque provén do tramo autonómico do IRPF, IVE e impostos especiais.

 

As fotos que van inseridas no meio do texto son (1). Ana Pontón, durante a conferencia de imprensa e (2). Luís Villares e Carmen Santos, durante o café coa imprensa desta mañá no Pazo do Hórreo. As imaxes son da autoría dos gabinetes de imprensa de Bloque e En Marea.

 



x