VEN UNHA "REPARTICIÓN DE CADEIRAS" ENTRE PP E PSDEG

En Marea e BNG votan contra o nomeamento de Porteiro como vicevaledora

En Marea e BNG votan contra o nomeamento de Porteiro como vicevaledora
María Xosé Porteiro, no centro da imaxe durante a presentación dun dos seus libros
María Xosé Porteiro, no centro da imaxe durante a presentación dun dos seus libros  
Veno o produto dun pacto entre PP e PSdeG para se repartiren cadeiras. O nomeamento saíu adiante cos votos de conservadores e socialistas. As villaristas, que tamén criticaron o acordo PP-PSdeG, optaron pola abstención.

María Xosé Porteiro foi nomeada esta segunda feira adxunta á valedora do pobo pola Comisión de Peticións do Parlamento galego. A súa candidatura obtivo 55 votos (PP máis PSdeG). Recibiu 16 votos en contra (En Marea e BNG) e 4 abstencións (grupo mixto). 

Destarte, Porteiro, ex deputada do PSdeG, pasa a ser a segunda persoa de referencia dunha institución presidida pola maxistrada de tendencia conservadora María Dolores Fernández Galiño, eleita no pleno do Parlamento tamén cos apoios das dúas forzas con maior número de escanos da cámara.

En Marea e BNG xustificaron o seu voto contrario na crítica ao que cualifican de repartición de cadeiras entre PP e PSdeG.

O máis destacábel do debate foi a discusión producida entre as portavoces de PSdeG e PP, Patricia Vilán e Paula Prado, respectivamente. A socialista pareceu acusar o impacto das críticas de En Marea e BNG e tentou rebaixar o alcance da confluencia de voto coa formación conservadora, negando que se producira ningunha entente explícita. Prado, en troca, reivindicou a palabra pacto sen complexos: "Hai un pacto, como todo o mundo sabe, por moito que o PSdeG agora pretenda dicir que o PP fixo unha proposta e que cada un votou [o que quixo]".