CO LEMA "A GALICIA DA XENTE QUE QUEREMOS"

En Marea únese este 2017 á celebración do Día da Patria

En Marea únese este 2017 á celebración do Día da Patria
Luís Villares, no recente plenario
Luís Villares, no recente plenario  Foto: EM

Este 2017 será a primeira vez que En Marea, como tal organización política, vai celebrar o Día da Patria. Farao cun acto en Compostela, na Finca de Vistalegre, baixo o lema "A Galicia da xente que queremos".


A confluencia constituíse como tal suxeito político na asemblea de Vigo de xullo de 2016. Este 2017 é, portanto, o primeiro ano en que como tal podería celebrar o Día da Patria.

"A Galicia da xente que queremos" e "A Patria dos comúns" son o lema e o sublema, respectivamente, cos que En Marea convoca un acto, na Finca de Vistalegre, nunha xornada que -enfatiza a confluencia en nota de imprensa- a formación liderada por Luís Villares entende de "celebración, plural e aberta".

O acto político está programado para as 12.30 horas e ten unha "dinámica participativa" que "consiste en pendurar dunha árbore frases e ideas sobre o país que imaxinamos". No mitin está previsto que tomen a palabra representantes de diversos movementos sociais (animalismo, LGTBI, ensino, sanidade, emigración...).

O evento constará dunha sesión vermú e dun xantar con pulpeira. Haberá espazo infantil, obradoiros de poesía "lírica e combativa", palestras sobre valores naturais e socio-urbanísticos e até unha jam session cantareira.

O acto decorrerá en parte en paralelo co que convoca Anova, axendado para as 13 horas.



x