En Marea chama a un cambio social o 20D para “rescatar ás persoas e á democracia”

En Marea chama a un cambio social o 20D para “rescatar ás persoas e á democracia”
(Imaxe: En Marea)
(Imaxe: En Marea)  

O cabeza de lista pola Coruña, Antón Gómez-Reino, di que estas eleccións representan un “desafío histórico”, nun mitin no que participou a número dous da candidatura, Yolanda Díaz, e os alcaldes de Ferrol e Compostela, Jorge Suárez e Martiño Noriega.



En Marea chamou a un cambio social que permita “rescatar ás persoas e á democracia” así como “transformar a economía para poñela ao servizo da vida real”. O número 1 da candidatura pola Coruña, Antón Gómez-Reino, considerou estas tres cuestións os eixos principais dentro do programa da formación, durante un mitin no Teatro Jofre en Ferrol.

Gómez-Reino asegurou que estas eleccións xerais son “un desafío histórico” que afronta con  responsabilidade. “Sentimos sobre todo ilusión, porque se nota a vontade de cambio. E nin o CIS pode ocultar que estamos en condicións de provocar un cambio social. Non imos facer a política dos engravatados senón a das necesidades diarias”, manifestou o cabeza de lista pola Coruña, ante un auditorio cheo.

"Nin o CIS pode ocultar que estamos en condicións de provocar un cambio social", dixo Gómez-Reino.

Estivo acompañado no acto da número dous de En Marea pola Coruña, Yolanda Díaz. “Non imos permitir un réxime inxusto que condena á fame e á miseria a unha maioría social. Imos gañar porque o medo xa cambiou de bando”, considerou Díaz. “Estamos cruzando Galiza, e a xente nos di que está con nós porque somos a xente do pobo, que está farta, que hai Marea”.

No acto tamén participaron alcaldes das mareas. O rexedor da cidade de Ferrol, Jorge Suárez, advertiu que non van consentir “que o PP malvenda este país”, e recordou a profunda crise que atravesa a comarca de Ferroltera “con traballadores empobrecidos e unha intolerable cola de traballadores na cola do Risga, un exército de persoas no desemprego”, que relacionou coas políticas do PP.

Pola súa banda, o alcalde de Compostela, Martiño Noriega, afirmou que ante “a oportunidade histórica” que se presenta este 20D, a candidatura de En Marea ten que “demostrar que somos capaces de mudalo todo: o dereito á vivenda, a anulación do artigo 135, poñer os intereses da xente común por arriba.