En Marea concorrerá ás europeas con Compromís e Senra será a número dous

En Marea concorrerá ás europeas con Compromís e Senra será a número dous
Lídia Senra
Lídia Senra  

O partido que lidera Luís Villares presentarase ás eleccións europeas da man de Compromís, Chunta Aragonesista, Equo, Més per Mallorca, Coalición por Melilla, Iniciativa del Pueblo Andaluz, Izquierda Andalucista e Verdes de Europa, nunha coalición en que Lídia Senra, a candidata de En Marea, ocupará o número dous.


En Marea vén de comunicar que concorrerá ás eleccións europeas do 26 de maio nunha coalición na que Compromís, Chunta Aragonesista, Equo, Més per Mallorca, Coalición por Melilla, Iniciativa del Pueblo Andaluz, Izquierda Andalucista e Verdes de Europa serán os seus socios. Lídia Senra, en virtude do acordo, ocupará o segundo posto na lista, por detrás de Jordi Sebastiá, de Compromís.

En rolda de prensa, Villares cualificou o pacto de “magnífico”, ao entender que posibilitará a defensa dos intereses de Galiza e “construír unha Europa máis solidaria, social e democrática”.

En Marea confirma así o seu divorcio con Anova, Esquerda Unida e Podemos. Serán os primeiros comicios europeos para a formación política encabezada por Luís Villares.

Lídia Senra foi elixida en 2014 candidata ás europeas dentro da alianza na que se integrou no seu día AGE, a precursora de En Marea.

O prazo para rexistrar as candidaturas para as europeas comeza o día 17 e finaliza o 22.