PLENARIO DE EN MAREA

En Marea debaterá o seu novo rumbo nun plenario o 13 de xullo

En Marea debaterá o seu novo rumbo nun plenario o 13 de xullo
Candedo e Seixas na rolda de prensa de presentación do Plenario [Imaxe: En Marea]
Candedo e Seixas na rolda de prensa de presentación do Plenario [Imaxe: En Marea]  

Após a ruptura do grupo parlamentar de En Marea e dos procesos electorais, a formación liderada por Luís Villares convocou un plenario para o vindeiro sábado 13 de xullo. As bases están chamadas a debater o novo rumbo da organización así como o estabelecemento de cotas ás persoas inscritas.


As persoas inscritas á En Marea liderada por Luís Villares están convocadas a debater o novo rumbo da formación nun plenario nacional que decorrerá o vindeiro sábado 13 de xullo nun lugar aínda por confirmar.

Así o anunciaron na tarde desta terza feira 2 de xullo as vice voceiras de En Marea Ana Seixas e Mariló Candedo. Ambas as dúas sinalaron que o obxectivo deste plenario é desenvolver os acordos da asemblea fundacional de Vigo, da que a finais deste mes faranse tres anos.

A En Marea de Luís Villares busca con esta cita abrir un novo rumbo coa vista posta nas eleccións galegas

A En Marea de Luís Villares busca con esta cita abrir un novo rumbo coa vista posta nas eleccións galegas de outono de 2020, toda vez que remataron as campañas electorais das estatais, municipais e europeas e que se consumou a ruptura do grupo parlamentar de En Marea.

Após a ruptura a alianza de Podemos-Esquerda Unida-Anova manteñen aínda o nome de En Marea para designar o grupo parlamentario que conforman. As e os 4 deputados nucleados en torno a Villares e que forman parte da formación política En Marea están no grupo parlamentario mixto e reclaman o nome de En Marea para si, en concordancia coa organización política da que forman parte e da que Villares é portavoz.  

No plenario do 13 de xullo En Marea debaterá os pasos a seguir, o estabelecemento de cotas ás persoas inscritas e celebrará primarias para renovar a súa dirección, na que actualmente hai 14 asentos vacantes que corresponden aos membros da candidatura crítica con Luís Villares. Estes negáronse a asumir os seus cargos tras as polémicas primarias de decembro de 2018 en que o xuíz en excedencia derrotou a candidatura de David Bruzos, apoiada por Podemos-Anova-EU.

O plenario de En Marea debaterá novo modelo organizativo co obxectivo de afondar nunha mellor comunicación e territorialización para gañar en dinamismo.

"As cotas non se poñerían para resolver as cuestións financeiras da organización", asegurou Ana Seixas

Precisamente o debate arredor do estabelecemento de cotas foi xa adiantado pola dirección após analizar a débeda contraída após os tres últimos procesos electorais en que a organización recolleu cativos resultados, o que obriga a realizar axustes na organización.

Con todo, "as cotas non se poñerían para resolver as cuestións financeiras da organización", asegurou Ana Seixas e engadiu que "as contas" do partido "están ben" e "estanse cumprindo cos prazos para ter todo o día".

Desde En Marea cifran en 4.000 as persoas inscritas actualmente. O debate de sistema de cotas tamén tratará a diferenciación entre persoas inscritas con cotas ao día, que terían voz e voto nas decisións da organización, e as persoas inscritas simpatizantes, sen dereito a votar nos procesos internos.

Até o vindeiro sábado está aberto o período de presentación de emendas

Este proceso de debate interno culminaría coa conformación no mes de agosto do Consello das Mareas, que ao seu tempo será que nomee as e os membros da coordinadora, a executiva do partido instrumental que a actual dirección quere ampliar até 15 integrantes.

Até o vindeiro sábado está aberto o período de presentación de emendas aos documentos elaborados pola dirección e debateranse en 15 asembleas comarcais.

En Marea está “situada onde sempre quixemos estar. Un espazo soberano e galego", afirmou Candedo

Candedo concluíu a rolda de prensa afirmando que En Marea está “situada onde sempre quixemos estar. Un espazo soberano e galego" e chamou a participar a todas as persoas “que queiran construír, sexan ou non nacionalistas, un espazo transversal". Ven ademais unha oportunidade após a ruptura do grupo parlamentar de trasladar un discurso coherente, cuestión que segundo valoran, foi difícil polas puxas internas.