PODERÍAN CONCORRER POR SEPARADO ÁS MUNICIPAIS

En Marea desbota a coligazón para as municipais que propoñen EU e Podemos

En Marea desbota a coligazón para as municipais que propoñen EU e Podemos
[Imaxe: SG] Ana Seijas é unha das portavoces do Consello das Mareas
[Imaxe: SG] Ana Seijas é unha das portavoces do Consello das Mareas  

“O que deberían facer estas organizacións [en alusión a Esquerda Unida e Podemos] é respeitar os acordos aos que se chegaron en 2015”. Así respondía Victoria Esteban, portavoz do Consello das Mareas, á proposta de EU e Podemos de concorrer nunha coligazón ás municipais de 2019.


O modelo de En Marea non fracasou e non fai falta reconfiguralo ao redor dunha coligazón de partidos. Estas son as conclusións ás que chegaron as persoas que integran o Consello das Marea, órgano que se reuniu na mañá deste sábado en Compostela. Deste xeito, o partido encabezado por Luís Villares, que non compareceu perante os medios, desbota a proposta de Esquerda Unida e de Podemos de concorrer nunha coligazón de partidos ás eleccións municipais de 2019. En Marea considera que dar luz verde á proposta de EU e Podemos suporía “dar un paso atrás” no camiño da unidade popular.

 

Ao finalizar a xuntanza, as portavoces do Consello, Ana Seijas e Victoria Estaban, emprazaron a EU e Podemos a “seguir traballando na mesma liña na que chegamos a moitos concellos nos que conseguimos representación e o goberno dalgúns” e a continuar “sumando esforzos nas mesmas condicións”. Lembraron ambas que tanto EU como Podemos “en 2015 entenderon que a coligazón de partidos non era a súa aposta” polo que lles piden “respeitar os acordos aos que se chegaron en 2015”.

 

"Paraugas" das mareas municipalistas

 

Alén de darlles as costas á proposta de EU e Podemos, o Consello das Mareas ofrece o partido como “marca paraugas das mareas municipalistas” coa vista posta a conquirir peso nas deputacións. Precisamente, tanto EU como Podemos rexeitan o ofrecemento da dirección de En Marea para as deputacións e pretenden que o seu nome (Unidas Podemos Izquierda Unida Equo) figure nas candidaturas, agás en casos onde xa exista o que consideran “marcas consolidadas” e xa gobernan.

 

Con independencia do que acorden EU e Podemos, advertiron, “non modificaremos a nosa rota. Somos unha organización soberana e trazamos unha liña a seguir”. Isto significa que podería darse o caso de presentaren candidaturas separadas nalgúns concellos.

 

Non se pronuncian sobre a proposta de Cerna

 

A resposta do Consello das Mareas á proposta de coligazón de EU e Podemos chega un día após Cerna –organización que goza de maior representación na coordinadora– reclamase que os partidos que conforman En Marea se disolvan. Nin Seijas nin Esteban quixeron pronunciarse ao respeito malia as preguntas dos medios de comunicación.

 

As portavoces do Consello informaron a prensa de que o Consello ve “esperanzador” o cambio de Goberno no Estado e de que o partido aposta na “interlocución directa” con Pedro Sánchez para tratar as reivindicacións que consideran máis urxentes, como a derrogación da “Lei Mordaza” e da “Lei Montoro”, a transferencia da AP9 ou a construción dun Estado plurinacional.



x