En Marea discutirá no grupo parlamentar a destitución de Villares como portavoz

En Marea discutirá no grupo parlamentar a destitución de Villares como portavoz
Antón Sánchez e Luís Villares no Parlamento
Antón Sánchez e Luís Villares no Parlamento  

De "situación insostíbel". Así cualifican fontes do grupo parlamentar de En Marea a situación que viven e que leva a maioría de deputadas e deputados a poñer sobre a mesa a destitución de Luís Villares como portavoz parlamentar. Para esta terza feira hai convocada unha reunión en que se tratará o relevo do tamén portavoz do partido instrumental.


Os resultados de En Marea nas eleccións xerais (que non logrou pasar do 1,08% dos apoios) deixaron o portavoz do partido instrumental, e tamén portavoz do grupo parlamentar, Luís Villares, nunha situación delicada. A formación política, que nos anteriores comicios xerais se presentara con Anova, Podemos e Esquerda Unida e que lograra cinco escanos, chegou a ser superada por PACMA nas circunscricións de Pontevedra e da Coruña.

Neste contexto, o grupo parlamentar de En Marea discutirá esta terza feira nunha reunión o relevo de quen é o líder da oposición no Hórreo. Fontes do grupo próximas a Podemos e Esquerda Unida informan a Sermos Galiza de que a decisión será adoptada polas propias parlamentares, apelando á "autonomía" do grupo parlamentar e incidindo en que non é movemento ningún por parte destas organizacións políticas.

As mesmas fontes sinalan a este medio que existe "unha parte importante dos deputados e das deputadas, que suman unha maioría clara, levan meses dicindo que Villares non representa a maioría". "Ademais, é evidente que non se esforza o mínimo por representar a maioría", insisten estas fontes, que poñen de manifesto que a situación de inestabilidade no grupo parlamentar foi demorándose até pasadas as eleccións xerais.

Á "insostibilidade" dos últimos meses -a maior crise tivo lugar hai un ano, co conflito xurdido ao redor da deputada Paula Quinteiro- súmanse os exiguos resultados electorais de En Marea. A meirande parte de parlamentares do grupo lamentan que Villares "non fixese ningún tipo de xesto" após acadar o 1,08% das papeletas nos comicios estatais, aos que o sector próximo á dirección de Villares decidiu presentarse en solitario.

En Común-Unidas Podemos conseguiu algo máis de 235.000 votos nas eleccións xerais. Apoios que lle valeron as actas pola Coruña, con Antón Gómez-Reino á cabeza, e por Pontevedra, con Yolanda Díaz.

"Non sabemos que resultado vai dar a reunión de mañá [está convocada ao termo da conclusión da sesión plenaria], mais está convocada e vaise celebrar", salientan as fontes, que lembran que "máis alá de que se efectúe o relevo do portavoz, Villares só ten con el catro deputados". Davide Rodríguez, Paula Vázquez Verao e Pancho Casal son os deputados máis próximos ao portavoz.

Como posíbel substituto soa con forza o nome de Manuel Lago, aínda que de prosperar o relevo de Villares podería poñerse sobre a mesa unha portavocía rotatoria.

Fontes achegadas á dirección de En Marea, encabezada por Villares, sinalan que non hai certeza de que a reunión desta terza teña o obxectivo de debater e destituír o actual portavoz nin de crear unha portavocía por quendas, e apuntan a que este debate saíu de novo para volver á tensión.