En Marea organiza o seu plenario en busca de novos liderados

En Marea organiza o seu plenario en busca de novos liderados
[Imaxe: En Marea] Luís Villares, nun plenario de En Marea.
[Imaxe: En Marea] Luís Villares, nun plenario de En Marea.  

O vindeiro sábado 13 de xullo, na aula b da Facultade de Económicas da Universidade de Santiago de Compostela, En Marea organiza un novo plenario coa vista posta nos vindeiros comicios galegos. Os documentos sometidos ao debate pola dirección, ás emendas aos relatorios presentados polas inscritas e as conclusións dunha quenda de debates celebrados nas comarcas após as municipais anuncian un vivo debate.


As conclusión do proceso de debate aberto nas filas de En Marea para analizar os resultados das eleccións non deixan dúbida do alcance das decisións que deberá adoptar a organización liderada actualmente por Luís Villares. O denominado “Documento expositivo. Síntese conclusión das asembleas comarcais”, posto pola dirección ao dispor da afiliación para a discusión no plenario, estabelece como “propostas de futuro” a “Definición dun novo espazo. Refundación do que somos. Facer de En Marea o espazo de adscrición individual dos documentos de Vigo”, concretando a refundación no estabelecemento dunha estrutura organizativa comarcal e municipal, na “definición de novos liderados” e mesmo na adopción dunha novo marca.

A este respecto, o documento sinala as discrepancias existentes, xa que “en certas xuntanzas apostábase por mantela e noutras, aducindo que estaba queimada e restaba, cambiala aínda que se vía como un punto feble cambiala agora polo pouco espazo temporal até as eleccións municipais”.

Villares, cuestionado por unha parte da afiliación

A elección dunha nova equipa de dirección preséntase, en opinión das inscritas de En Marea, como central no proceso de refundación da organización. Se o “Documento expositivo” recolle a necesidade da “renovación da parte máis visibilizada da dirección” e a “busca de novos liderados”, a tese política defende unha nova concepción dos liderados, que “debería concretarse no rexeitamento á idea de liderados carismáticos, á verticalidade discursiva e organizativa e o mesianismo”.

A continuidade de Luís Villares á fronte da formación foi obxecto de discrepancia entre os participantes no proceso comarcal de debate, sinalando o denominado “Documento expositivo. Síntese conclusión das asembleas comarcais”, que a “Figura de Luís Villares. Punto discrepante: en certas xuntanzas víase como queimada e noutras como un activo positivo valor de En Marea…Reflexiónase sobre o tirón mediático de Pablo Iglesias e o liderado simbólico de Beiras, que xogan contra a visibilización de Luís Villares”.

Cerna emenda os textos “para manter a cohesión e agrupar esforzos”

As emendas aos relatorios presentados pola dirección dan conta das diferenzas sobre as liñas a seguir no futuro. Neste contexto, acada unha particular relevancia a proposta presentada polos membros do Colectivo Cerna Paula Verao, Chelo Martínez, Ramón Verdini, Mario López Rico e Ramón Mouriño Afonso, onde formulan adiar para o mes de outubro as “decisións de máis calado con iniciativas orgánicas e/ou programáticas e calendario preelectoral”.

Segundo sinalan as autoras e autores da suxestión, “sendo evidente que temos visións un tanto diferentes do que facer é polo que, para manter a cohesión e agrupar esforzos, debemos reafirmármonos naquilo que temos en común”, apostando por reafirmarse no modelo aprobado na asemblea fundacional de En Marea, dirixir os esforzos á expansión territorial da organización e traballar na construción “dunha ampla maioría de forzas de esquerda nacionalistas ou non” que aparte o PP da Xunta de Galiza.

A corenta e oito horas para o comezo do plenario todas as posibilidades están abertas e o resultado preséntase incerto

A corenta e oito horas para o comezo do plenario todas as posibilidades están abertas e o resultado preséntase incerto. Se prospera a emenda presentada polos militantes de Cerna, coincidente no fondo con outras achegas formuladas por significados afiliados, En Marea pospoñería para o mes de outubro as decisións que a maioría da dirección tenta resolver no plenario do vindeiro sábado en Compostela, ficando á fronte da organización a actual equipa dirixente.

No caso de saír adiante a alternativa recollida nos relatorios oficiais, a formación debería a proceder a elixir un novo núcleo dirixente, mediante un proceso electoral interno que arrancaría coa presentación de candidaturas a partir do 18 de xullo, a votación das mesmas o 29 de xullo e a súa proclamación provisional o 1 de agosto. Sexa cal for o resultado da asemblea do sábado 9 de xullo, o debate de En Marea continuará a longo dos meses seguintes arredor dos temas que fican pendentes.