En Marea pide a dimisión de Tahoces após o informe do Defensor del Pueblo sobre a mina de Touro

En Marea pide a dimisión de Tahoces após o informe do Defensor del Pueblo sobre a mina de Touro

Demanda un Plan Sectorial de actividades extractivas para evitar casos coma o "proxecto aberrante" da mina de Touro.


O viceportavoz parlamentario de En Marea, Antón Sánchez, advertiu de que tanto o conselleiro de Economía, Francisco Conde, como o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, serán "cómplices" no caso de que Ángel Bernardo Tahoces, continúe á fronte da Dirección Xeral de Enerxía e Minas tras o informe do Defensor del Pueblo. O informe cuestiona o proceder da Xunta sobre a Mina de Touro.

Sánchez lembrou que Tahoces, ademais, permanece imputado pola contaminación da mina de San Finx de Lousame, e considera que se está demostrando que "non son casos illados, senón que responden a décadas de barra libre e de graves incumprimentos da Xunta na súa labor de control da actividade mineira". Explica o parlamentar que o informe do Defensor del Pueblo indica que “en 5 dos últimos 10 anos non se fixo ningunha inspección na mina de Touro e entre 2011 e 2014 a información achegada sobre a contaminación dos acuíferos é excesivamente escueta". 
 

 Sánchez informou de que vén de rexistrar unha iniciativa para reclamar un Plan sectorial de actividades extractivas de Galiza, ferramenta para garantir unha compatibilidade coa protección do medio ambiente, a súa conformidade coa ordenación territorial e os usos do chan e coa ponderación dos distintos intereses que concorren no desenvolvemento económico e social do territorio.