CONTRA A DISCRIMINACIÓN

En Marea quere pular no Congreso pola aprobación de leis Lgtbi

En Marea quere pular no Congreso pola aprobación de leis Lgtbi
Reunión de En Marea con representantes de colectivos Lgtbi
Reunión de En Marea con representantes de colectivos Lgtbi  

A formación de Luís Villares comprométese a traballar polo desenvolvemento de leis trans e Lgtbi para rematar coas problemáticas e discriminacións que afectan o colectivo.
 


Representantes de entidades Lgtbi participaron dun encontro en Pontevedra co voceiro de En Marea, Luís Villares, e as candidatas Iris Malvido e Jorge Lorenzo.


Villares afirmou durante o acto que a lei Lgtbi aprobada en 2014 polo Parlamento Galego supuxo unha oportunidade para recoñecer todos os dereitos da comunidade, mais lamentou que o resultado fosen “moi pobres” pois, como salientou, fica aínda pendente desenvolver practicamente o contido da lei.

Fica aínda pendente desenvolver practicamente o contido da lei galega

Exemplificou este atraso co feito de que aínda se continúe a agardar polo desenvolvemento dun “protocolo específico contra o bullyng no ámbito escolar”; e denunciou a este respecto que as institucións galegas non teñan realizado este protocolo, pois “provoca unha incapacidade dos centros escolares á hora de abordar e solucionar os problemas", afirmou o voceiro de En Marea.

A formación galega que se presenta ao Congreso e ao Senado polas catro circunscricións galegas, esixiu tamén a creación de unidades sanitarias capaces de atender as persoas menores trans, “que se atopan cun sistema que non está preparado para facelo”, asegurou Villares, e sinalou que o Sergas debe asumir de forma inmediata o cambio de sexo como unha operación incluída dentro do catálogo de prestacións sanitarias, “e sen burocracia".

Desde En Marea demanandan que as administracións teñan que adoptar unha posición activa e favorecer a visibilización

 
Desde En Marea demanandan que as administracións teñan que adoptar unha posición activa e favorecer a visibilización, “porque moitas veces o rexeitamento ten que ver co descoñecemento”, asegurou Villares, e propuxo a aprobación de normas que recollan a non discriminación específica contra o colectivo LGTBI.

Unha das persoas representantes do colectivo trans que participou no acto, Aura Leirós, reiterou a necesidade da aprobación dunha Lei trans “ante a ameaza dos populismos” e cargou contra as medidas que defenden algunhas opcións políticas de suprimir as intervencións de cambio de sexo.

Leirós concluiu lembrando a alta taxa de persoas que se suicidan e a elevado número de asasinatos de persoas trans no estado español, e urxiu ás institucións a traballar para rematar con esta problemática.