En Marea reclama para si o espazo da “transversalidade” que “abandonou” Podemos

En Marea reclama para si o espazo da “transversalidade” que “abandonou” Podemos
Ana Seixas, vicevoceira, e Luís Villares, voceiro de En Marea.
Ana Seixas, vicevoceira, e Luís Villares, voceiro de En Marea.  

Luis Villares defende que hai espazo e demanda na sociedade para unha organización como a da cal é portavoz. O portavoz cargou contra a “irresponsabilidade” de PSOE e Unidas-Podemos nas negociacións para a investidura do presidente español.


En Marea non continúa, após a ruptura do grupo parlamentar que reduciu as representantes da organización a 4 parlamentares no grupo mixto, por capricho. Faino porque hai un espazo na política galega que queren ocupar as de Luís Villares. “Podemos facer unha achega en positivo”, sinalou o propio portavoz de En Marea esta terza feira na comparecencia para presentar os documentos aprobados no Plenario do pasado sábado.

As comparecentes, Villares, Ana Seixas (viceportavoz) e Mariló Candedo, membro da Coordinadora, non entraron sobre as diferenzas e fendas sucedidas no encontro e limitáronse a defender a funcionalidade da nova En Marea. “Queremos recuperar a transversalidade”, indicou Candedo. “Recuperar o discurso transversal no que sempre quixemos estar”, remarcou Villares, indicando que Podemos “abandonou a transversalidade social que o apoiou”. En Marea racha co marco do ‘rupturismo’ para navegar cara a otras augas: una formación “progresista, ampla e en clave nacional” mais afastada do “proxecto de país” do BNG, “que non chega ás maiorías sociais”, segundo Villares.

Ana Seixas explicou que a sociedade actual xa non é a de hai uns anos e que En Marea quere dar resposta ás necesidades de agora desde unha perspectiva “progresista, para as maiorías sociais e de ámbito nacional inclusivo”.

Goberno español

Villares tamén quixo referirse ás negociacións para formar goberno no Estado español, criticando a “irresponsabilidade” de PSOE e Unidas Podemos por “pensar máis nas cadeiras” que nun programa de goberno en chave de progreso.