ALEXANDRA FERNÁNDEZ, DEPUTADA DE EN MAREA NO CONGRESO

"Se En Marea decidise votar en contra do país, perdería a lexitimidade"

"Se En Marea decidise votar en contra do país, perdería a lexitimidade"
[Imaxe: En Marea] Alexandra Fernández
[Imaxe: En Marea] Alexandra Fernández  

Alexandra Fernández (Vigo, 1988) é a deputada galega da que máis se fala no Congreso por ser a única das que se presentaron baixo a marca de En Marea que acatou a orde da Coordinadora do partido instrumental e votou en contra dos orzamentos xerais do Estado.


Cales foron as razóns que a levaron a votar en contra dos orzamentos?

En primeiro lugar, é importante sinalar que o non aos orzamentos foi sempre consensuado por todas e todos, tanto no grupo de deputadas e deputados como na Coordinadora de En Marea. Anunciámolo durante semanas. Dixemos que para nós os orzamentos eran inaceptábeis e, insisto, expuxemos as razóns durante semanas. Hoxe mesmo [pola cuarta feira, día 12] a portavoz do grupo [por Yolanda Díaz] dixo desde a tribuna durante a súa intervención que os orzamentos eran inaceptábeis para Galiza. Así, creo que o que fai falta é xustificar o si. O que non se comprende é que mudou para que, de súpeto, dixesen unha cousa e votasen a contraria. E máis tendo en conta que falamos dun debate parlamentar en que a ministra non só non deu motivos para votar a favor, senón que os deu para votar en contra, dicindo que ese recorte do 20% nos investimentos para Galiza, sumado sobre o 30% do recorte de Raxoi, era unha contía xusta. A ministra reiterou o posicionamento do PSOE e deu máis motivo para votar non aos orzamentos.

Entón por que Yolanda Díaz, Miguel Anxo Fernán Vello, Antón-Gómez Reino e Ángela Rodríguez mudaron o sentido do voto?

Non hai ningún motivo obxectivo para modificar o sentido do voto, unha negativa que levabamos anunciando había semanas. Non se acordou nin a primeira das emendas nin houbo ningún compromiso. A única forma de explicar que se diga unha cousa e se faga a contraria é polas cuestións internas dos seus partidos políticos. Podemos aplicou presión para esixir que os deputados galegos de Podemos votasen o mesmo que o resto do grupo parlamentar.

Temía que os catro deputados de En Marea votasen a favor dos orzamentos?

Fomos tendo algunha sospeita. Á hora da verdade, os compañeiros podían fraquear. Por outra banda, xa non é só dicir unha cousa na tribuna [Yolanda Díaz dera a entender que as deputadas e deputados da Marea votarían en contra] a mesma mañá e votar o contrario nunhas horas. Hai algo máis. E é que xa se sabía que os orzamentos non se xogaban polos votos da Marea. Era público e notorio o sentido do voto dos cataláns. Mesmo xa por unha cuestión táctica ou estética, os compañeiros podían ter mantido o non. Isto dá a ver o pouco que lle importaron á dirección de Madrid [en referencia a Podemos] as consecuencias de someter os deputados a votar unha cousa mentres dixeron durante semanas a contraria.

"A ministra recoñeceu que ese recorte do 20% nos investimentos para Galiza, sumado sobre o 30% do recorte de Raxoi, era unha contía xusta"

Nas reunións que mantivo En Marea co Goberno de Pedro Sánchez nas últimas semanas deuse pé a aceptar algunha das propostas que lles formularon?

A información que tivemos, a contagotas, era que non había nin a primeira emenda pactada. Eu onte á tarde sentei con eles [cos deputados e deputadas de En Marea] e preguntei se había algunha negociación fechada e non había nada. Non é que o dialogo estivese aberto, é que a situación era de cero emendas pactadas máis unha resposta da ministra na que afirmaba que o recorte lle parecía xusto. Intentamos durante este tempo manter unha posición de forza para negociar co PSOE, era importante manter a unidade, que non houbese fisuras entre a dirección das Mareas e o grupo de deputadas e deputados. Nun consello convocóusenos a todos os parlamentares para pórmos todo en conxunto. Á primeira reunión non asistiron e á segunda tampouco. Non sei para que se estivo traballando no deseño do espazo político, pois emendar a plana porque non che gustan as decisións que se toman… Isto é un debate sobre posicións políticas. O que non pode ser é que Yolanda [Díaz] diga durante semanas que imos votar non aos orzamentos e que sorprendentemente voten que si. O debate en profundidade é sobre coherencia e fai moito dano á organización, á Marea e a todas e todos, ao conxunto da esquerda. Refírome a dicir unha cousa e votar a contraria. Cando o PSOE lle deu o goberno a Raxoi, perdeu lexitimidade. Se En Marea vota ao final en contra do país, perde a lexitimidade. Non hai que reducilo a un debate interno porque temos que dar respostas e estar á altura da militancia.

Precisamente, que implicacións ten esta votación para a vida interna de En Marea?

A situación interna xa era complicada. A dirección de Podemos está intentando sistematicamente marcar sempre as posicións de En Marea, eliminando a autonomía do grupo parlamentar. É unha loita que se leva dando desde o principio e que vai a peor. Hoxe foi o finiquito da capacidade de manter a autonomía política por parte de deputadas e deputados dispostos a someterse á dirección de Madrid malia as consecuencias que iso podía ter na Galiza. Déronlles igual as consecuencias de Galiza porque priorizaron os seus partidos. Isto vén de atrás. Nas negociacións que se mantiveron co PSOE antes de presentar os proxectos de orzamentos participou xente do grupo parlamentar e foi de costas a Galiza e de costas á organización. Desa situación chegamos a esta.

No último plenario de En Marea, vostede chegou a denunciar que parte das deputadas e deputados ficaban supeditados á estratexia de Podemos.

Primeiro estas cuestións hai que dicilas dentro, nas canles internas, mais como o que se estaba a facer era de extrema gravidade, había que comunicarllo publicamente á militancia.

En que medida a escenificación dunha ruptura na unidade de voto dificulta a reedición  dunha coalición como a actual?

O de hoxe dá para unha fonda reflexión política e é cedo para facela. É algo que acaba estoupando hoxe mais que levaba enquistado demasiado tempo e non ten visos de resolverse. Mais alá de Galiza, eu creo que Podemos está transformando a súa política de alianzas con outros actores diferentes e ficando nun partido centralizado en Madrid e pouco máis. Non é só unha cuestión a respecto de Galiza, senón do propio panorama do Estado español e do papel da esquerda española. Podemos acaba sendo como o que era Izquierda Unida.

"Non entendo como se foi tan irresponsábel de liquidar a autonomía política de En marea aquí. No fondo é cargarse o espazo de encontro"

Nalgún momento, cando decide dar o paso e presentarse como candidata, cre que vai vivir unha situación como esta?

Non, sobre todo porque eu crin os acordos que asinamos. Asinamos o acordo de Mazarelos, aquel que dicía que En Marea era un suxeito político e con autonomía de voto. Defendino porque o cría. A medida que foi pasando o tempo, vin que había quen quería romper unilateralmente acordos para impoñer o goberno de Podemos sobre o grupo e para provocar unha perda de autonomía. Se a outra parte fose responsábel e xogase nese marco de acordo, o resultado sería outro. Non entendo como se foi tan irresponsábel de liquidar a autonomía política de En Marea aquí. No fondo é cargarse o espazo de encontro.

Ten disposición de volver presentarse ás vindeiras eleccións xerais?

Non o teño na cabeza, pero non o estou valorando.

Cal considera que é a formula máis axeitada para defender os intereses galegos no Congreso?

Como dicía, hai que facer unha reflexión do que pasa no conxunto do Estado. O papel que lanzou a esquerda española despois do 15M, de avanzar nun proxecto plurinacional que recoñecía os diferentes actores é evidente que foi abandonado por Podemos. Son moitas as mostras disto e hoxe a mostra foi a nivel galego. A esquerda española centralista non foi capaz de negociar con outros autores e ten abandonado a plurinacionalidade. A idea era que tivésemos que renunciar aos nosos principios e intereses a nivel nacional en aras do acordo que eles adoptaron desde Madrid. Era renunciar, en resumo, ao contrato que tiñamos coas nosas electoras e electores.



x