AS MAREAS CONCORRERÁN FRAGMENTADAS EN MÚLTIPLES MUNICIPIOS

As candidaturas de PP, PSdeG e BNG abranguen a práctica totalidade dos concellos

As candidaturas de PP, PSdeG e BNG abranguen a práctica totalidade dos concellos
Eleccións municipais en Vigo
Eleccións municipais en Vigo  

A poucas horas de que o BOE publique oficialmente as candidaturas rexistradas para as eleccións municipais, o PP conta con listas na totalidade dos concellos galegos, seguido de perto polo PSdeG e polo BNG, que conta con 245 candidaturas en toda Galiza. Listas nacidas do antigo espazo de confluencia das mareas competirán entre elas en máis dunha vintena de localidades. Ciudadanos presenta ao redor de 80 e Compromiso, 43.


O Partido Popular estará presente con candidaturas de seu en todos os municipios de Galiza. Ségueo de perto o PSdeG, que, segundo informou a Sermos Galiza, deixou algún concello sen cubrir. O Bloque Nacionalista Galego presentou xa as súas candidaturas en 245 municipios do país. Ciudadanos contará cunhas 80 listas e Compromiso por Galicia alcanzou as 43.

O anterior espazo confluente das mareas municipalistas concorrerá enfrontado en múltiples municipios. Por unha banda están as candidaturas encadradas en Son En Común (40), que recolle o espazo de acordo que se deu en 2015 entre Esquerda Unida e Anova, e que desta vez inclúe tamén a Podemos.

Onde non houbo acordos, o partido de Pablo Iglesias concorrerá por separado. Son cinco as localidades onde se presenta baixo o seu nome: Lugo, Betanzos, Marín, Ourense e Ames. Esquerda Unida preséntase en solitario en Fene e O Grove, e en Lugo vai con Equo en ACE.

Mosaico de iniciativas locais

Algunhas das autodenominadas candidaturas municipalistas preséntanse coa denominación de mareas locais. No caso das candidaturas que concorren nas comarcas de Terra de Lemos, Chantada e Quiroga, fano coa denominación Por un Interior Galego Vivo. Na comarca do Val Miñor, as candidaturas de Baiona, Nigrán e Gondomar agrúpanse baixo a denominación común de Manifesto Miñor.

As listas impulsadas por En Marea non se presentarán nin na Coruña nin en Compostela, co cal, non competirán cos actuais alcaldes, Xulio Ferreiro e Martiño Noriega. Tampouco en Vigo. No resto de cidades, as denominacións son Marea de Pontevedra, Lugo Novo, Ourense Mellor e Marea de Ferrol.


Varias candidaturas das “mareas” competirán entre elas nas cidades de Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e en diversas vilas

Até tres listas xurdidas do espazo de Ferrol en Común competirán nas vindeiras eleccións municipais. Por unha banda sitúase a do actual alcalde, que opta á reelección, Jorge Suárez, e por outra a apoiada polo sector oficial de En Marea (Marea de Ferrol) e mais unha terceira composta por persoas escindidas de Podemos (Actúa).

Na cidade de Ourense o “espazo confluínte” fragmentou en tres candidaturas: a de Podemos, a de Ourense en Común (impulsada por David Bruzos, que era próximo a Podemos e competiu con Villares polo liderado de En Marea) e a candidatura Ourense Mellor (apoiada polo sector villarista).

En Lugo compiten tres candidaturas: Alternativa Cidadá de Esquerdas-ACE (impulsada por Esquerda Unida), a lista de Podemos en solitario e Lugo Novo (que conta co apoio de En Marea).

En Pontevedra presentaranse dúas listas “municipalistas”, a Marea de Pontevedra (vinculada ao sector villarista) e Son En Común (co apoio de Podemos e EU, pero neste caso sen o de Anova).

Dáse a paradoxa de Vilagarcía, en que Podemos e Anova conflúen en “Marea da Vila”, mentres En Marea vai con Esquerda Unida en “Vilagarcía en Común”.

Unha candidatura de Podemos sen autorización do partido

Outra anécdota da carreira de presentación de candidaturas é o rexistro dunha lista denominada Podemos no concello de Teo e que non conta coa autorización do partido de Iglesias nin o seu coñecemento previo, e que o partido recorrerá, segundo informou a Sermos Galiza, ante a Xunta Electoral.