O Marisquiño: nin comisión de investigación, nin pleno específico nin comparecencia de Feixóo

O Marisquiño: nin comisión de investigación, nin pleno específico nin comparecencia de Feixóo

PP e PSOE sumaron os seus votos para impedir na Deputación Permanente do Parlamento galego unha sesión extraordinaria sobre o accidente de Vigo no que resultaron feridas máis de 460 persoas.


Non vai haber pleno extraordinario no Parlamento de Galiza para debater, entre outros temas,  a creación dunha comisión de investigación sobre o derrube dun peirao do paseo marítimo de Vigo durante o festival O Marisquiño de Vigo, no que resultaron feridas máis de 460 persoas.

PP e PSdeG sumaron os seus votos esta quinta feira na Deputación Permanente do Parlamento para botar abaixo a proposta presentada por En Marea e BNG na que pedían un pleno extraordinario no que comparecesen o presidente Feixóo e o o conselleiro de Sanidade, para alén de debater a creación dunha comisión de investigación que analizase as posíbeis responsabilidades políticas derivadas do suceso.

A portavoz nacionalista, Ana Pontón, sinalou que “as  vítimas e as súas familias, teñen “dereito a unha explicación veraz das causas do accidente e  en democracia, as persoas con cargos públicos deben  asumir as súas responsabilidades políticas”. A nacionalista lembrou que as instalacións públicas derrubáronse provocando lesións a máis de 400 persoas e asegurou que alguén  “é responsable” do que aconteceu. “Estou absolutamente convencida, que se en vez de falar dunha zona portuaria de titularidade do Estado, falaramos dun local privado, a propietaria ou propietario  dese espazo, estaría na cadea.”

Pontón sostivo que convocar este pleno sería un exercicio de responsabilidade  e madurez democrática que axude a paliar o “triste e bochornoso espectáculo que levan dando PP e PSOE durante estes  días”.

Luis Villares (En Marea) defende que "máis aló das responsabilidades penais ou civís que se establezan no procedemento xudicial, deben dilucidarse tamén responsabilidades políticas”. .
 

"Non é admisible politicamente lanzar a pedra e agochar a man parapetándose detrás de terceiros. É o momento de que o presidente da Xunta dea a cara. E non abonda con que o fagan outros conselleiros, porque existen varios departamentos da Xunta de Galiza que tiveron intervención previa ao sinistro, e so hai unha persoa que actúa como director de orquestra neste concerto fallido: Alberto Núñez Feixóo", explicou o portavoz de de En Marea.

Pola súa banda, tanto PP como PSOE rexeitaron a convocatoria dese pleno argumentando, entre outras cousas, que debe respectarse a "autonomía local" nun asunto no que se ventilan competencias municipais