Martiño Noriega toma a iniciativa para "renovar" a dirección de En Marea

Martiño Noriega toma a iniciativa para "renovar" a dirección de En Marea
Martiño Noriega, durante un acto da campaña das municipais de 2015 [Foto: Compostela Aberta]
Martiño Noriega, durante un acto da campaña das municipais de 2015 [Foto: Compostela Aberta]  

O seu nome está nas apostas como hipotético cartaz da confluencia á Xunta de Galiza en 2020. Do trío de alcaldes Ferrol-A Coruña-Compostela, Martiño Noriega é con clareza o que máis se está a distinguir pola súa intervención na política galega. Agora impulsa un debate en Compostela Aberta —o partido co que alcanzou en 2015 a alcaldía da capital do país— para "renovar" a dirección de En Marea. E para facelo antes do calendario previsto.


Na axenda de En Marea, a renovación da cúpula directiva toca en xaneiro, cando conclúe o mandato de dous anos da equipa que lidera Luís Villares. Compostela Aberta quer adiantar os prazos. Nunha proposta que se submeterá a debate esta cuarta feira en asemblea, a formación encabezada por Martiño Noriega advoga por que no xa previsto plenario de setembro se aproveite para "renovar e relanzar o Consello das Mareas como órgaos da dirección política".

 

A iniciativa recebeu o apoio de Xulio Ferreiro, líder da Marea Atlántica e alcalde da Coruña, quen a xulgou como unha "discusión benintencionada" que se formula porque "as cousas non van ben".

 

Fontes consultadas por Sermos na contorna das correntes críticas a Villares concordan en sinalar que a situación de confronto interno é insustentábel é que o relevo do ex maxistrado como líder da confluencia, no meio ou no curto prazo, é unha tarefa xa inadiábel. "Canto antes se faga, mellor, para non contaminar o calendario eleitoral", afirma un dirixente en condicións de anonimato. No horizonte están as municipais de 2019 e nas galegas de 2020. Non ocultan esas fontes que non ven Villares como cartaz para as próximas autonómicas. 

 

O discurso dos próximos a Villares é moi distinto. As voces villaristas consultadas por Sermos están convencidas de que "as bases están con Luís" e que "nun plenario de confrontación, a súa opción gañaría claramente". "A xente quer un proxecto de unidade popular en que os militantes sexan os protagonistas e non un proxecto pilotado polas cúpulas dos partidos, sexan os vellos —en alusión a Anova ou Esquerda Unida-— sexan os novos —en alusión a Podemos", afirman.

 

En que consistiría a renovación que propón Compostela Aberta? Na conformación dunha nova estrutura de dirección —unha autocualificada como Mesa da Confluencia— en que tomasen asento os partidos políticos fundacionais da confluencia —Anova, Esquerda Unida e Podemos, con exclusión por tanto de Cerna, escisión do partido agora liderado por Antón Sánchez—, as marés gobernantes —basicamente as tres das cidades— e a propia En Marea. No mellor dos casos para Villares, o ex xuíz ficaría nunha situación de franca minoría nese novo órgao, unha réplica da situación que vive no grupo parlamentar, onde só dispón do apoio de Paula Vázquez Verao (Cerna), Davide Rodríguez (Anova crítica) e Pancho Casal (errejonista que acaba de abandonar Podemos).

 

Fontes do Consello das Mareas —máximo órgao do partido instrumental entre plenarios— dixeron a Sermos que En Marea como tal non vai avaliar a proposta de Compostela Aberta.

 

A situación en Ferrol

 

A iniciativa de Compostela Aberta chega nun contexto moi marcado polas tensións que se viven no mundo das confluencias en Ferrol, coa aparición da Marea de Ferrol, a marca herdeira da Marea Ártabra. Os críticos ven a man de Villares na criación desa nova formación. Fontes da dirección de En Marea negan a Sermos calquera tipo de interferencia do portavoz orgánico no espazo rupturista da cidade departamental. "Luís animou a que se producise a converxencia entre Ferrol en Común e a Marea de Ferrol. Non puido ser. Pero el non avala ningún tipo de operación. O espazo respeita a autonomía local. Serán os eleitores os que decidan cos seus votos. A dirección non vai tomar partido", afirman esas fontes.

 

Desde o villarismo réstase dramatismo á existencia de dúas candidaturas. En realidade, sería a repetición do escenario de 2015. Naquela altura Ferrol en Común —formalmente unha coalición entre Anova e Esquerda Unida— obtivo 21,98 por cento dos votos e 6 concelleiros, en tanto que a Marea Ártabra acadou 1.609 sufraxios e non conseguiu representación ao ficar por moi pouco por debaixo do límite mínimo de 5 por cento (alcanzou 4,95 por cento).

 


 



x