ELECCIÓNS XERAIS

Más País trata de 'galeguizar' a súa campaña electoral cun acto no Panteón dos Galegos Ilustres

Más País trata de 'galeguizar' a súa campaña electoral cun acto no Panteón dos Galegos Ilustres
Carolina Bescansa e, en primeiro plano, Íñigo Errejón. Foto: Europa Press
Carolina Bescansa e, en primeiro plano, Íñigo Errejón. Foto: Europa Press  

A formación liderada por Íñigo Errejón, que apenas se presenta en dúas das catro circunscricións galegas aos comicios ao Parlamento en Madrid, considera que desempeñará “un papel crucial” nestas eleccións, ás que acode con Carolina Bescansa, recentemente chegada á Galiza desde a política estatal, como cara máis visíbel.


A cabeza de lista de Más País pola circunscrición da Coruña aos comicios estatais do 10 de novembro, Carolina Bescansa, participou esta sexta feira, 1 de novembro, nunha ofrenda floral no Panteón de Galegos Ilustres, acto que aproveitou para dar comezo á campaña electoral. A formación, unha ampliación da forza Más Madrid, concorre a estas eleccións convencida de que desempeñará “un papel crucial”

“Competimos coa abstención, con todos os votantes que se sentiron decepcionados, porque despois de construír unha maioría de progreso nas urnas, esa maioría de cambio non se transformou nun Goberno responsábel", declarou Bescansa ás e aos xornalistas antes de participar no acto, cunha importante carga simbólica no vieiro de 'galeguizar' esta formación estatal, que apenas se presenta en dúas das catro circunscricións galegas ás eleccións ao Parlamento en Madrid.

Carolina Bescansa, a cara máis visíbel de Más Madrid despois do seu paso pola política estatal desde a capital española, engadiu que a súa formación sae “con toda a ilusión, con todo o compromiso e cun gran sentido da responsabilidade para traballar no desbloqueo da formación do goberno de España”.