ESPIMOS OS PROGRAMAS ELECTORAIS

Medio ambiente e sustentabilidade: aquí e agora

Medio ambiente e sustentabilidade: aquí e agora

A cuestión ambiental gañou nestes anos protagonismo específico nos programas electorais, a cabalo da cada vez maior preocupación e compromiso cidadán por este tema. Que propoñen as diferentes formacións que compiten nestas eleccións a respecto do medio ambiente?


Hai anos era practicamente inexistente nas promesas electorais de boa parte das formacións, mais a cuestión medio ambiental foi quen de situarse como unha preocupación á que é necesario dar resposta. Hoxe en día, todos os programas teñen un apartado dedicado a medidas e achegas ambientais.

BNG: Polas políticas de sustentabilidade social e ambiental

O BNG aposta nunha Galiza con plena capacidade para decidir en materia ambiental e que poida aplicar políticas de sustentabilidade social e ambiental. Lamenta que o Estado manteña “o control de decisións políticas en diferentes ámbitos que afectan de maneira moi directa o medio ambiente” e consideran “ambientalmente insostíbel” o modelo económico actual.

A formación nacionalista aposta nun “modelo económico que teña en conta os límites do sistema ecolóxico” e por iso considera que hai que “adaptar o modelo económico a un futuro sen enerxías fósiles”.

No programa expóñense diferentes medidas e propostas concretas, que van desde a revogación da prórroga de ENCE a derrogar as reformas da Lei de Costas, de Responsabilidade Medioambiental, de Impacto Ambiental e a Lei de Parques Nacionais, porque invaden competencias galegas. Piden o traspaso das competencias sobre Costas e Bacías Hidrográficas, para alén de apoiar a xestión e ampliación das áreas protexidas da Rede Natura 2000, desenvolver políticas encamiñadas á protección da biodiversidade, tanto mariña como terrestre.

Demandar o saneamento integral das rías galegas, dispor dunha rede equipada de bases de loita contra a contaminación do medio mariño ao longo de todo o corredor marítimo fronte á costa galega e introducir as distintas variedades de eucalipto na Lei 42/2007 para ser considerada especie invasora, limitando o seu cultivo e plantación, son outras das medidas.

En Marea: Transición ecolóxica

En Marea propón recuperar as rías e garantir o saneamento das augas residuais urbanas, priorizar nos orzamentos a protección da calidade das augas das rías e aumentar os investimentos en sistemas de saneamento e depuración de augas.

Tamén demandan a eliminación definitiva da prórroga a ENCE e apostan en darlle un pulo á Lei de transición ecolóxica e contra o cambio climático.

Outras medidas propostas: impulsar un plan de emerxencia para deter a perda de biodiversidade, reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro a razón dun 7% anual, introducir un trato fiscal favorábel ás actividades de reparación e remanufacturación de produtos para evitar a produción de máis residuos; e a reforma do Código Civil para deixar de considerar os animais como obxectos/cousas.

En Común-Unidas Podemos: 100% da produción de fontes renovábeis de enerxía en 2040

Transición cara a unha enerxía limpa. Neste compromiso, Unidas Podemos quer reducir a produción enerxética primaria baseada en combustíbeis fósiles á metade nunha década e alcanzar 100% da produción de fontes renovábeis en 2040.

Tamén contemplan a fin do fracking, a prohibición da extracción de hidrocarburos polo método da fractura hidráulica. Apostan no feche definitivo daquelas centrais térmicas de carbón que non se adapten aos límites de emisións fixados pola Unión Europea e demandan un  Plan de saneamento integral das rías e os seus ecosistemas en Galiza.

A limitación do eucalipto e a paralización de obras que ameazan espazos naturais son outros exemplos de propostas desta coalición no seu programa para o 28A. 

Partido Popular: Envases "máis sostíbeis"

O PP quer impulsar una redución de emisión que cumpra “cos obxectivos comprometidos por España para o 2030” e fala da necesidade de “aproveitar as opción renovábeis” mais sen “renunciar” a outras fontes por ser “útiles ao noso país”.

Tamén compromete un aumento dos investimentos para mellorar o sistema de reciclaxe e promover “envases máis sostíbeis” ou avanzar na separación do lixo orgánico e priorizar a valorización dos recursos fronte á súa eliminación en vertedoiros.

A sostibilidade ambiental e a mudanza climática tamén fan parte do programa, centrándose nas cidades “intelixentes” que avancen neses obxectivos.

PSOE: ‘Green new deal’

O quinto capítulo do programa do PSOE trata a transición ecolóxica. Aposta nun "green new deal" que aspira a situar España nunha "posición de liderado" no proceso de descarbonización da economía e a transición ecolóxica. Marca o obxectivo de que en 2030 o 74% da electricidade será renovábel.

O PSOE avoga nunha xestión sostíbel da auga baseada no ciclo integral, en aprobar unha 'Estratexia de Economía Circular' co obxectivo de reducir a cero os residuos e en descarbonizar a industria.