REPRESIÓN

Medio século de Día da Patria Galega

Medio século de Día da Patria Galega
Xaime Illa, no círculo, detido pola policía. Santiago de Compostela, 25 de Xullo de 1969. Fonte: "Do libro Xaime Isla. Raíz e utopía de Galicia".
Xaime Illa, no círculo, detido pola policía. Santiago de Compostela, 25 de Xullo de 1969. Fonte: "Do libro Xaime Isla. Raíz e utopía de Galicia".  
Hai cincuenta anos, falamos do 25 de Xullo de 1969, a policía franquista disolveu a golpes a concentración patriótica do adro de San Domingos de Bonaval. Achegamos a crónica daqueles feitos que se enmarcan nos esforzos do movemento nacionalista durante o franquismo para socializar o Día da Patria Galega como xornada de reivindicación patriótica.

m_10-11O Día da Patria Galega de 1969 celébrase no marco dun forte contexto represivo que tiña como obxectivo facer efectiva a designación de Juan Carlos de Borbón como sucesor de Franco a título de rei. O nomeamento como herdeiro do futuro monarca, nunha sesión das Cortes fascistas do 23 de xullo dese mesmo ano, condicionou todo o ciclo político desde o mes de xaneiro, momento no que o réxime declara o primeiro estado de excepción para, en feliz expresión de Carrero Blanco aos seus colaboradores, “limpar as rúas de subversivos para achaiar a Operación Príncipe”.

O operativo de castigo promovido pola ditadura levaría á cadea, fundamentalmente no período de vixencia do estado de excepción, un número importante de cadros e militantes da Unión do Povo Galego (UPG), sinalándose entre outros Bautista Álvarez, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xesús Sanxuás, Manuel Romero, Xosé Soto ou Xosé Torres.

Mobilización en Compostela

O nacionalismo non se amedrentou nestas circunstancias e levou adiante unha forte campaña de axitación e popularización do Día da Patria Galega. Se ben descoñecemos o contido da folla voandeira espallada pola UPG para convocar a xornada patriótica, os testemuños achegados por algúns militantes nacionalistas que participaron daqueles feitos dannos conta do importante despregue propagandístico. Así, Xosé Estévez, no seu libro de memorias Un crego atípico na Fonsagrada. 1967-1969, recorda como “na reitoral de San Cristovo confeccionáronse os días 13, 14 e 15 de xullo os panfletos ou manifestos (arredor duns 20.000) que se espallarían por toda Galiza” nun operativo no que tomaron parte, á marxe do propio Estévez, Fernando Campos, Xavier Pousa e Xosé Torres, afiliados da UPG en Madrid e deslocados ao país para esta tarefa.

As follas voandeiras elaboradas nunha vietnamita “socializada” días antes en Compostela serían trasladadas posteriormente nun carro de bois propiedade dun falanxista amigo de Estévez ao coche de Xavier Pousa para a súa distribución por Galiza.

O exilio americano súmase

A campaña desenvolvida pola UPG no interior será acompañada no exilio polo Consello de Galiza. A maiores da tirada de panfletos ao longo de toda Galiza e dos centos de valados con pintadas chamando a acudir a Compostela e a mobilizarse no Día da Patria Galega, o Consello de Galiza, que naquela altura mantiña unha fluída relación coa UPG que levaría ao nomeamento de Méndez Ferrín como o seu representante no país, chamará os galegos a celebrar a xornada patriótica.

A declaración “neste 25 de Xullo, Día Nacional de Galiza, o voso goberno autonómico no exilio que traballa en estreita comunicación coas forzas patrióticas do interior” denuncia a operación de substitución de Franco por Juan Carlos de Borbón e reivindica o papel do Consello de Galiza como depositario da legalidade emanada do referendo do Estatuto do 28 de xullo de 1936. O Padroado de Cultura Galega de México, onde significados militantes da UPG como Luís Soto, Xoán López Durá ou Carlos Velo se significan como dirixentes, sumaríase tamén á convocatoria facendo público un manifesto no que sinalan que “a liberdade nacional de Galiza segue aferrollada polo centralismo troglodita” e chaman a loitar por unha Galiza ceibe.

Berros de “Viva Galiza ceibe!” á saída da misa de Rosalía

As dificultades para organizar un acto propio levou os militantes da UPG a acudir a San Domingos de Bonaval. A decisión de trasladar a reivindicación patriótica á saída da misa de Rosalía, como era coñecido popularmente o oficio relixioso co que os galeguistas celebraban o 25 de Xullo desde 1936, adoptouse o propio día nun xantar celebrado en Cacheiras.

Mentres unha parte dos presentes desbotaban a idea de acudir a Bonaval argumentando que a súa presenza alí serviría para lexitimar un acto que chocaba coa ideoloxía laica da UPG e coa concepción desta formación sobre o labor político, outro grupo, dando por bos estes razoamentos, opinaba que a presenza na saída da misa non os poñía en cuestión, defendendo por riba doutras consideracións a necesidade de actuar. Segundo Bautista Álvarez, un dos asistentes á comida de Cacheiras e a persoa que encabezaba o sector partidario de asistir a Bonaval, "o debate estaba en táboas mais rompeuse cando sinalei que acudiría ao adro de Bonaval a berrar Viva Galiza Ceibe! pola miña conta ou organizadamente”.

Carga policial

A policía cargou contra os presentes no adro de Bonaval tras deixarse sentir diversas consignas patrióticas. Á saída da misa comezou a sonar o himno nacional interpretado coa pertinente autorización gobernativa pola coral viguesa Ondas do Mar, berrando ao remate do mesmo, tal como estaba acordado, algúns membros da UPG “Viva Galiza ceibe!” e “Liberdade para Galiza”, e dando comezo ao canto do “Venceremos nós”, acompañado por unha boa parte dos asistentes. Os grises, presentes nas inmediacións do vello mosteiro exclaustrado de Bonaval, comezaron a golpear as persoas congregadas no momento en que se lanzaron as voces de orde do nacionalismo, batendo con planificación nos asistentes, até o punto, tal e como ten lembrado Saleta Goi, que cando un policía se achegaba a golpear Otero Pedraio, o seu responsábel prohibiullo afirmando “A ese non”, consciente das consecuencias sociais e políticas que provocaría agredir unha persoa de 81 anos e referencial na Galiza do momento.

Illa Couto, procesado

A protesta fechou coa detención de Xaime Illa Couto, Carlos Guitián e Fidel Villar. O primeiro, antigo militante das Mocidades Galeguistas e impulsor de Galaxia; o segundo, un médico ourensán que redactaba as receitas en galego durante o franquismo, e o terceiro, director da coral Ondas do Mar, serán conducidos á comisaría da cidade, onde serán postos en liberdade após tomarlles declaración.

Só Illa Couto será xulgado e posteriormente condenado polo Tribunal de Orde Pública en 1970 a tres meses de arresto maior, así como a suspensión de emprego e soldo, sendo finalmente anulada a sentenza polo Tribunal Supremo en febreiro de 1971, tras considerar que “o berro de Viva Galiza ceibe! non perturba a paz cidadá”.

O procesamento de Illa Couto espertará unha gran campaña de solidariedade entre a opinión democrática de Galiza e da emigración, sinalándose os comunicados de apoio de diversos organismos e as folgas de apoio organizadas polo seu alumnado na Escola de Enxeñaría de Vigo, onde se sinalou como dirixente estudantil Xosé Ramón Reboiras Noia, na altura un mozo que viña de incorporarse á UPG.

[Esta información foi publicada no número 356 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]