MIGUEL ANXO FERNÁNDEZ LORES, ALCALDE DE PONTEVEDRA

“O mellor está por vir en Pontevedra”

“O mellor está por vir en Pontevedra”
[Imaxe: Cedida] Miguel Anxo Fernández Lores
[Imaxe: Cedida] Miguel Anxo Fernández Lores  

Miguel Anxo Fernández Lores (Vilalonga, Sanxenxo, 1954), alcalde de Pontevedra (BNG), recíbenos no seu despacho, no que se contan por ducias os premios recibidos ao modelo de cidade. “Os máis importantes están fóra, á vista de todo o mundo”, dinos. Refírese, entre outros, ao premio da ONU-Hábitat e ao premio á excelencia que entrega unha axencia do ex alcalde de Nova Iorq, Michael Bloomerg.  Eis un extracto da entrevista que publicamos no Sermos Galiza número 303.


3Preparado para un sexto mandato?

Nós temos un proxecto para esta cidade cun equipo moi potente de xente que levamos traballando trinta anos e que está dando resultados positivos e ao que ademais quédalle moito percorrido, porque o mellor está por vir. Xa estamos recollendo os resultados do modelo urbano, que fai que esta sexa unha cidade dinámica e atractiva, desde o punto de vista turístico e da creatividade, da actividade cultural, da calidade urbana. Hai xente que vén vivir aquí e hai todo un ruxe ruxe de novos emprendedores, estranxeiros que traballan nas novas tecnoloxías e viven aquí. Todo iso fai que Pontevedra estea medrando no centro da cidade porque ten alta calidade de vida.

Temos moitísimos proxectos en marcha: circunvalación, novo hospital, paseo de Marín, a mellora do nu do parque de bombeiros, a recuperación do edificio da Xunta... acabamos de adxudicar o contrato da auga, de 66 millóns, e imos rematar todo o saneamento rural –quédanos un 10%– e iniciar a ampliación da auga potábel a todas as parroquias perimetrais.

Facía alusión a 30 anos. Que papel desenvolveu a súa estadía na oposición antes de comezar a gobernar?

O tempo na oposición foi imprescindíbel. Non se pode chegar sen coñecemento, sen unha idea clara do que queres facer, sen ter unha estratexia clara de futuro. Se non tes formación, experiencia e coñecemento en profundidade, dás paus de cego e non funcionan as cousas. Nós nalgún momento usamos un lema espléndido “Sen rumbo certo non hai vento favorábel”. Hai que ter unha formulación de longo e medio prazo que che faga ser coherente. A xente estráñase porque cando entramos no 99 tomamos decisións no primeiro mes e iso é porque había tres mandatos na oposición elaborando un proxecto serio, rigoroso. Sabiamos o que queriamos e contamos coa participación de moita xente activa que quería cambiar a situación, que era insostíbel.

[Podes ler a entrevista íntegra no número 303 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques habituais]



x